Domingos do Principal modifica o programa por enfermidade de dous artistas

'Universario', previsto para este domingo, será substituído por 'Sin remite', de Jean Philippe Nikolas

Cartel de 'Sin remite'
photo_camera Cartel de 'Sin remite'

Unha das citas máis agardadas polas familias de Pontevedra, o ciclo Domingos do Principal, vén de cambiar o programa, por motivos de saúde de dous dos artistas que estaba previsto que actuasen na cidade.

Así, o espectáculo Universario, previsto para o domingo 21 de xaneiro, no Teatro Principal, será substituído por outra actuación de clown, por problemas de saúde do artista Marcel Gross. Recomendada a partir de catro anos, Sin remite, de Jean Philippe Nikolas, é un espectáculo de circo teatro e humor xestual. Está inspirado no cómico francés Jacque Tati e a súa curtametraxe L'Ecole du Facteurs.

Por outra banda, a francesa Refugie Poetique de Claire Ducreux, programada para o 4 de febreiro no Teatro Principal, cae do programa por problemas de saúde da bailarina principal. No seu lugar, chegará ó escenario pontevedrés a obra Amigo, de Mummusic Circus. Recomendada a partir de tres anos, recolle un fragmento nas vidas dun home e unha muller. Un circo entre dous. Amaquiños de intimidade nunha travesía xestual e musical cara ao máis profundo e sincero de cada un.

A canle de venda anticipada de billetes porase en contacto cos compradores on-line ofertándolles a posibilidade de acudir ós novos eventos coas mesmas entradas (descargándoas de novo) ou devolverlles os cartos dos espectáculos cancelados. O prazo para solicitar a devolución remata o sábado ás 12 horas. No caso de ter mercado abonos non será posible o reembolso parcial.

Quen mercaron as entradas no despacho de billetes da Casa da Luz deberán dirixirse ó mesmo lugar no caso de querer solicitar a devolución.

Comentarios