Dores Tembrás: "Hai un abandono total pola nosa lingua e cultura"

Antía Otero e Dores Tembrás, poetas e editoras fundadoras de Apiario, e a multipremiada escritora Ledicia Costas protagonizarán a sesión deste martes (20.00 horas) do ciclo En3vistas. Será no cruzamento de Daniel de la Sota e a rúa Peregrina, agás que as previsións meteorolóxicas obriguen a trasladala á igrexa de Santa Clara.
Dores Tembrás. DP
photo_camera Dores Tembrás. DP

Filóloga, escritora e editora, Dores Tembrás (Bergondo, 1979) é cofundadora do proxecto Apiario xunto con Antía Otero. É autora de catro poemarios e un libro infantil e ten participado en dez obras colectivas.

Sempre publicou en galego. É algo pensado ou que nin sequera se cuestiona?
É algo natural. Eu escribo desde sempre, poesía desde a adolescencia, e sempre foi en galego. É a miña lingua e non foi algo sobre o que tivera que tomar unha decisión. Despois, efectivamente, es consciente de que é unha decisión.

Pódese dicir que vive en galego?
Totalmente. Na casa falamos galego, os meus fillos criáronse nesta lingua...

Como ve a situación da lingua en canto á súa transmisión ás crianzas. É doado que manteñan o galego fóra do ámbito familiar?
Non, non. Aprendemos isto rapidamente cando o noso fillo máis vello, que agora ten 14 anos, foi criado exclusivamente en galego e cando entrou na escola infantil, na gardería, empezou a cambiar a lingua. Foi un baño de realidade. Na casa manteñen a lingua, pero despois o castelán está moi presente nas súas relacións.

Neste punto, que importancia ten a literatura na transmisión do galego?
É fundamental. O papel que ten a literatura é clave, por moitos motivos. Os meus fillos len a Ledicia Costas, é unha autora que lles gusta moito. Ela, como outros autores do panorama infantil e xuvenil. Ler literatura na túa lingua dálles unha perspectiva de normalidade. Falamos unha lingua e podemos ler nela. Creo que é imprescindible que iso suceda.

En canto á literatura galega en xeral, Antía Otero e vostede fundaron Apiario en 2014. Cambiou moito a escena literaria galega nestes oito anos?
Para chegar a conclusións é un tempo insuficiente. A literatura galega está nun momento bo en canto a autores, produción... Pero vivimos un momento moi difícil para a lingua e iso vai repercutir inmediatamente. Os editores falan disto, das dificultades ante as que nos atopamos. E os escritores e escritoras que se presentan a premios falaban de que cada vez hai máis dificultades para publicar en galego. A perspectiva paréceme difícil. Temos un problema grave cos lectores na nosa lingua. Onde están? Cada vez hai menos. Non hai plan para o libro. A sensación é que hai un abandono total pola lingua e a cultura.

Temos un problema grave cos lectores en galego: onde están?

Hai maneira de revertir a situación sen agardar polo apoio das administracións?
Esta situación é grave e require un plan profundo que analice todas as fendas e elabore unha estratexia a medio e longo prazo. A lingua é resistente, o país é resistente... Pero ata onde? Cando imos aos institutos a impartir obradoiros de escrita vemos aulas nos que só un alumno se expresa galego e ao mellor nin sequera é galegofalante habitual. Onde están os receptores da nosa literatura? Temos que seguir falándoo e creando estratexias, pero non sei se será suficiente.

Comentarios