"Nunca máis ao terror, o odio e o fanatismo fascista"

Pontevedra lembra aos fusilados o 12 de novembro de 1936 ante o seu monumento

"A causa do 12 de novembro, é a causa da xustiza, da verdade e da reparación aínda pendentes para todas as vítimas e as súas familias". O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, expresou así a necesidade de actos de lembranza das vítimas do fascismo no discurso que ofreceu este luns durante o acto de homenaxe aos fusilados o 12 de novembro de 1936 na Caeira.

O acto do luns é unha maneira de lembrar publicamente a crueza do fascismo e o Concello de Pontevedra leva realizándoo dende 1999. As familias foron as protagonistas do encontro. "Con eles honramos as súas familias perseguidas, as mulleres que quedaron para lembrar e para loitar contra a exclusión, contra o medo e contra o esquecemento". Na rúa 12 de Novembro había tamén representantes públicos como a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, e representantes do BNG, PSOE e PP.

Imaxe do acto organizado polo Concello fronte á escultura en memoria dos fusilados. RAFA FARIÑA - 12 de novembro (2)

Durante o acto houbo mención especial para Gonzalo Adrio, falecido a principios de ano. A el referiuse o concelleiro Luís Bará como unha persoa chea de "amor e lealdade" que sempre estivo presente no acto dende que comezou a celebrarse. No encontro falaron tamén algunhas das familias a quen Adrio axudou como avogado para tramitar pensións á viúdas de asasinados polo fascismo, así como a súa filla. Ademais, Adrio era irmán e sobriño de dous dos fusilados aos que este luns se lle rendía homenaxe (José e Germán Adrio) e foi un dos impulsores da celebración deste acto por parte da Corporación Municipal de Pontevedra.

OUTRAS VÍTIMAS. Do mesmo xeito, o alcalde de Pontevedra quixo estender a homenaxe do luns a todas as vítimas do franquismo e recordou algunhas das tarefas que quedan aínda pendentes con respecto á reparación da memoria dos represaliados. Deste xeito, esixiu a existencia dunha "lei da memoria histórica na que a prudencia non impida facer xustiza", así como a anulación das sentenzas inxustas e dos informes infames cos que as autoridades falanxistas acusaron aos represaliados.

Imaxe do acto organizado polo Concello fronte á escultura en memoria dos fusilados. RAFA FARIÑA - 12 de novembro

Do mesmo xeito, fixo referencia aos bens e títulos que aínda posúen os descendentes do ditador. "Hai que acabar co franquismo que está enterrado baixo a Cruz en Cuelgamuros e tamén co que segue vivo en Meirás, nos títulos nobiliarios e en fundacións que fan apoloxía do xenocidio e glorifican o ditador", rematou Fernández Lores.

Os nomes dos dez fusilados hai 82 anos
José Adrio Barreiro, Germán Adrio Mañá, Telmo Bernárdez Santomé, Amancio Caamaño Cimadevila, Víctor Casas Rey, Paulo Novás Souto, Ramiro Paz Carvajal, Luís Poza Pastrana, Benigno Rey Pavón e Juan Rico González.

Os dez homes homenaxeados este luns foron fusilados en novembro de 1936, só tres meses despois de que os fascistas asasinaran a Alexandre Bóveda.

Comentarios