Obituario | Dwight G. Porter, a integridade por principio

Entendía o xornalismo como un acto de responsabilidade. Suaba cada palabra e cada dato. Colaborou con cabeceiras tan importantes como Financial Times ou Newsweek. E, nun momento dado, buscou unha vida tranquila en Soutomaior. Alí faleceu aos 79 anos o xornalista e tradutor estadounidense Dwight Gill Porter.
O xornalista Dwight Gill Porter nunha foto de 2008 en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O xornalista Dwight Gill Porter nunha foto de 2008 en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Dwight Gill Porter era o segredo mellor gardado de Soutomaior. Aínda que para un home tranquilo que busca vivir unha vida tranquila iso tampouco é un problema. O pasado día 16 de febreiro despediuse con acougo desta travesía, rodeado da súa familia e dos seus cans.

Xornalista vocacional, cando estaba en activo vivía na estrañeza de ver como os seus colegas producían a granel, mentres el suaba cada palabra e cada dato. Poucas persoas quedan xa que entendan o xornalismo como un acto de responsabilidade, como un compromiso inquebrantable co público. Fixo gala dese principio en innumerables medios de primeira liña internacional cos que colaborou. Entre outros, Financial Times, Time Magazine, Newsweek e Daily Telegraph. Foi tamén redactor xefe do servizo en inglés da Agencia EFE.

Nacido en febreiro de 1944 en San Francisco, chegou a España nos 60, onde residiu, nesa primeira etapa, durante oito anos. En Madrid coñeceu á súa muller Janet, unha enfermeira inglesa, coa que tería dous fillos: Dugan e Joanna. Ao pouco da chegada do primeiro, embarcáronse na que sería unha das experiencias que máis influíu nas súas vidas. Cansado do franquismo en España, "sufocante", nas súas propias palabras, puxeron rumbo a Chile, coa esperanza de atopar unha vida máis calma no experimento socialdemócrata de Salvador Allende.

O xornalista Dwight G. Porter entrevistando a Salvador Allende nos anos 70 nunha foto do seu arquivo persoal.
O xornalista Dwight G. Porter entrevistando a Salvador Allende nos anos 70 nunha foto do seu arquivo persoal.

Quince meses despois da súa chegada, o 11 de setembro de 1973, produciuse o alzamento militar que daría inicio á ditadura de Pinochet. Dwight, Janet e Dugan, de dous anos, tratarían de buscar unha saída do país. Ao tempo, Porter, polo seu traballo, trata de manter un perfil baixo para non ser tachado de disidente. Naqueles días consegue levar, por vez primeira, un tema seu á portada de Newsweek.

Ver como se esvaecía aquel soño marcou a vida de Porter. Para el, Allende representaba a esperanza de moita xente e a súa propia, e a desalmada xeopolítica viña a estragalo todo por egoísmo. Ese sentimento quedaba exemplificado nunha anécdota que contou nunha entrevista, sobre unha chamada da revista Business Week: era Joe K., quería unha análise das posibles consecuencias para os inversores norteamericanos do cambio de réxime en Chile. "Quixen dicirlle algo, pero quedei sen palabras ante tal pregunta. Pasados uns segundos, só puiden colgar o teléfono, o mais bruscamente posible". Conseguiron saír do país coa axuda do Ministerio de Exteriores británico.

Porter cría nunha política que axudase á xente, en especial á máis desfavorecida e era moi crítico co sistema político dos Estados Unidos. "Sexan demócratas ou republicanos, os políticos débense ao diñeiro, que sempre sae dos mesmos petos", chegara a dicir neste xornal nunha reportaxe publicada no ano 2008.

A finais dos 80, xa vivindo en Madrid, Porter deixa o xornalismo para dedicarse á tradución, máis rendible para el, colaborando con empresas e institucións de toda España. Co desenvolvemento de internet a presenza física xa non era necesaria, co que buscou a saída da capital. Tiña contactos en Galicia e, no ano 2000, Dwight e Janet mudáronse definitivamente a Soutomaior: aquel home humilde e de sólidos principios quería vivir nun sitio "bonito e tranquilo".

Comentarios