As editoriais que non amaban as viñetas

A forza creativa galega no ámbito da novena arte está conformada por ao redor de medio cento de autores en activo, que publican tanto en Galicia como no exterior.

No entanto, conseguir que unha editorial se arrisque a publicar é máis complicado do que semella. Para Kike Benlloch, guionista de BD e fundador do colectivo Polaqia, existe unha dificultade real á hora de publicar unha obra “as editoriais teñen o catálogo definido e non collen nada máis aló dos seus autores de confianza".

Se moitos creadores galegos non se aventuran a abrir as súas obras ao gran público é, en gran parte, por esta falta de recursos editoriais á que apunta Benlloch. O veterano do sector, e dono dende hai vinte anos da primeira libraría espezializada de Galicia ('Komik', en Santiago de Compostela), Pío Barreiro, asegura que a causa disto é que “os editores, ao non estar ao pé do canon, moitas veces teñen ideas moi equivocadas. Paréceme moi triste que ningunha aposte un pouquiño máis en serio”.

Editar cómic é saber 'do tema'
Kiko da Silva, un dos autores máis prolíficos de Galicia, director das revistas 'Retranca' e 'BD Banda', apunta á mesma causa que Pío sobre o pouco interese editorial: “as propostas de BD só se dan nas edioriais se hai xente especializada que sabe do tema. Pero hai casos nos que non a hai, e os editores descoñecen o mercado”.

Benlloch apunta ás posibles causas deste buraco negro de publicacións: “por un lado é un 'non quero' de autores que non fan propostas aquí porque están traballando para fóra, ben atendidos e co material ben editado. E por outra parte é un 'non podo' que corresponde a autores moi bos que simplemente, non teñen as portas abertas en ningunha editorial galega”. Apunta Rubín que o ideal, para publicar algo “sería traer aos editores a Galicia, xa que aquí posuímos a infraestructura necesaria para que iso se leve a cabo, xa que existen salóns de BD consolidados no territorio”.

O que é unha realidade constatable en calquera libraría especializada é que son as editoras españolas as que sacan do anonimato aos autores galegos que logo triunfan no mercado estatal. E xa son ao redor de cincuenta títulos de sinatura individual e colectiva as que cruzaron as fronteiras galegas dende o ano 2005.

A odisea de vender... en galego?
É o idioma un factor trascendental á hora de que una editora publique BD ou é cousa do xénero? Se a cuestión idiomática ven determinada polo público ou polas editoriais é algo que deberían determinar os autores. E para gustos, opinións. David Rubín, debuxante de BD, animador e cofundador do colectivo Polaqia, considera o idioma determinante: “véndese moito menos se a obra está publicada en galego. Isto é unha realidade como un templo, por desgracia, contrastada e amosada, nos fastidie máis ou menos, éche o que hai”, e corrobora isto dicindo que os lectores de BD prefiren a linga española se poden elexir nunha mesma publicación.

O número de publicacións de obras de autores galegos que estan escritas en castelán abunda no mundo da BD galega. En moitos casos iso débese a que están destinadas á venta no mercado estatal e tamén a que están publicadas por editoriais españolas. Kiko da Silva aposta polas publicacións en galego, para que se rompa o mito de que que “a BD que está en galego parece destinada a un público moi específico, que vai falar sobre a historia de Galiza ou sobre feitos históricos galegos,e non ten por qué ser así”. Engade que é necesario un “oco para publicacións en galego para galegos e sobre cousas de galegos”.

Pero sempre hai unha excepción que confirma cada regla. A que rompe a suposición de que “o galego non vende” establécea David Rubín na revista 'Barsowia', publicada polo colectivo 'Polaqia', que só se edita en galego pero distribúese para todo o Estado español, en galego e consegue venderse. Rubín estable a súa solución ideal, baseada na “doble edición dun tebeo nas dúas linguas, e que no territorio galego só se distribúa en galego”.

Sobre este tema, hainos máis escépticos. Benlloch, que utiliza o galego reintegrado para a redacción das súas obras, e que na súa maioría ten monográficos publicados en castelán, sabe do que fala porque en máis dunha ocasión recorreu á autoedición: “as editoras galegas non publican BD porque non saben, nin queren saber, do xénero. Non ten nada que ver co idioma desde o momento en que non publican en ningún”.

As editoras, 'abertas a todo tipo de publicacions'
A visión das editoriais, como oposta á dos autores, é lixeiramente diferente tendo en conta o seu posicionamento como o outro extremo da produción de BD. En Galicia, son poucas as editoras que teñen publicado algo de tebeos, e as que o fan, son casos aillados. Polo xeral, as empresas editoras coinciden en dicir que publicar BD “non é un dos nosos obxectivos”.

O director literario de 'A Nosa Terra Edicións', Enrique Acuña, escuda esta falta de publicacións en que os autores, á hora de presentar os seus proxectos, non o fagan con libros acabados “que trouxeran os libros rematados sería o ideal, pero eles envían álbumes ou books nos que só presentan o seu traballo”.

Kiko da Silva, que edita a revista 'BD Banda', é da mesma opinión “moitas veces preséntanse books e páxinas soltas, pero iso non é presentarlle un libro completo a un editor. Estáselle a esixir unha confianza que non vai dar porque non coñece a obra do autor, nin sabe qué calidade terá o seu traballo rematado”.

Rematar non é publicar
Pero o xeito de presentar unha obra completa e pechada tampouco é sinónimo de publicación segura. Enrique Acuña respondía a esta posibilidade: “nós estariamos abertos a estudiar a posibilidade de publicar BD, pero todo pasa por unha análise de calidade e rentabilidades económicas”.

A viabilidade económica é algo que preocupa ás editoras, e parece ser un lastre para que a BD despegue con forza. Polo visto, o xénero véndese ben, pero o proceso de edición é mais caro do considerado, e editar ben o material, con páxinas a cor e tapas duras, é mais caro que facer un libro que non require maquetaxe.

Francisco Castro, Director de Novos Proxectos de 'Galaxia', di que “estamos nunha fase de lanzar cousas novas, e a BD é un ámbito que estamos a estudar”. Esta editora non ten publicado nada neste eido, pero segundo Castro “o importante para nós non é o formato a publicar, senón o proxecto”.

Medo á novidade
'Toxosoutos' di ter editado un 8% de BD do total das súas publicacións. Distribúe obras de Pepe Carreiro, pero alén diso non se aventuraron de momento con proxectos novos. Juan Llamas, o seu Director de Publicacións, di que o que o que se busca con este tipo de publicacións é tratar “temas galegos”. Presenta unha liña editorial  moi clásica que publica en función da temática.

O mesmo Director Xeral de 'Edicións Xerais', Manuel Bragado, di que o que levan publicado de BD é “unha porcentaxe estraordinariamente pequena”. De todos os xeitos, afirma que “sempre lle demos importancia á narrativa debuxada, que é moi interesante o proceso de renovación”. Pero na actualidade, só teñen aberta a colección de Fran Jaraba.