Pladür: punk e 'torreznos'

O dúo punk, que Lúa Sálamo e Santi Paredes acaban de crear en Pontevedra, fai a súa presentación oficial este martes no Son da Serea ▶ Co EP 'Ensayos, fallos y desmayos' na rede, ultiman o lanzamento dun single e en setembro marchan a Londres

Lúa Sálamo e Santi Paredes son Pladür. GONZALO GARCÍA
photo_camera Lúa Sálamo e Santi Paredes son Pladür. GONZALO GARCÍA

Xogando á contra desa tradición de poñerlle nomes duros ás bandas de rock ou heavy metal, "aí están Bloque, Muro e incluso Leño", naceu Pladür. "Facíanos graza chamarnos así. O nome mola e fai referencia a algo que en aparencia é duro como unha parede, pero que en realidade non aguanta nin a primeira patada".

Lúa Sálamo (Chantada, Lugo, 1986) e Santi Paredes (Tui, 1989) veñen de poñer a funcionar este dúo punk en Pontevedra. Ela, á batería. El, á guitarra. Ambos, ás voces. E ambos detrás da composición. "En realidade estabamos fedellando nunha banda de tres persoas con Diego [de la Church], de Thee Blind Crows. Cando el nos dixo que non, foi cando decidimos seguir adiante nós sós. Acabamos sendo un dúo polas circunstancias, non era a idea inicial. De feito, orixinalmente Lúa tocaba o baixo". Aínda que ese é o seu primeiro instrumento, Sálamo xa toca a batería noutra banda, Trompas de Farlopio. "Ao final vai acabar sendo o meu. Cada vez estou máis cómoda". Paredes tamén forma parte doutros proxectos musicais, como Thee Blind Crows, onde toca o baixo.

Pladür sérvelles, segundo din, para funcionar ao seu aire de xeito cómodo e operativo. "É un pouco a conclusión de moitos anos tocando en bandas. Ao final daste conta do difícil que é cadrar a persoas diferentes para quedar para ensaiar, para gravar, para moverse...". Con Pladür funcionan á présa. "É algo rápido e efectivo. Estamos sempre xuntos así que nos é moi fácil aproveitar calquera momento para ensaiar, gravar, facer uns temas e unhas camisetas. Esa era a idea: facer algo que dependese só da nosa motivación. Porque, cando che mola unha cousa, o importante é tratar de convertela en algo sostible económica e emocionalmente".

Cando che mola unha cousa, o importante é tratar de convertela en algo sostible económica e emocionalmente

Pladür naceu en marzo e xa ten un EP, Ensayos, fallos y desmayos, que se pode escoitar na plataforma Bandcamp. "Como os temas saíron rapídisimo, tiñamos que aproveitar para gravalos". De feito, contan que teñen moitos máis. Incluído un que se prevé un hit: Soy estudiante de Bellas Artes. Esa, Belas Artes, foi a carreira que cursou Paredes. "Ao final os temas van das cousas que nos pasan", explican. "Neste caso, eu falo aí dos estereotipos que tiven que enfrontar persoalmente como alumno desa facultade e que sempre se escoitaron pola rúa sobre os estudantes de Belas Artes", conta o guitarrista. "Algúns son verdade, outros non e outros están a cabalo entre a realidade e a ficción. Tamén che digo que dende que eu estudei, creo que as cousas cambiaron bastante. Hoxe son estudantes máis parecidos ao resto, máis responsables". Son menos provocadores que os das primeiras promocións. "E bastante menos festeiros. Quizais podiamos dicir que a canción fala dun estereotipo de estudante de Belas Artes de hai dez anos". 

De calquera detalle que nos pasa pode saír unha canción, aínda que a maior parte das veces mesturan realidade e ficción

Polo demais, os seus temas, rápidos, festivos e feroces, con moita carga autobiográfica e moita ironía, saen do seu día a día. "De calquera detalle que nos pasa pode saír unha canción, aínda que a maior parte das veces mesturan realidade e ficción. Todo ten un punto naíf e dadaísta, vestido despois coa nosa música". 

Poñen exemplos. "Dr. Matagatos saíu dun problema real co noso gato, que se puxo enfermo, e mutou nunha especie de historia de ciencia ficción protagonizada por un veterinario loco. Ou Torreznos, que fai referencia á merenda favorita de Lúa,  pero que despois tamén derivou cara outra cousa". Din que simplemente por meterlle música ou polo xeito de cantar, xa cambia o sentido. "Pola propia intensidade do que estás tocando. Á parte, gústanos moito iso mesmo, o dobre sentido. Nese tema acaba por entenderse case unha crítica á industria cárnica. Industria da que nós participamos ao consumilos!". E rematan: "Ao final, a vida consiste niso: en pasar moito o tempo tragando as túas propias palabras".

Ao final, a vida consiste niso: en pasar moito o tempo tragando as túas propias palabras

Despois de tocar na festa de aniversario dun amigo, Pladür presentarase oficialmente este martes no festival Son da Serea. Ten tamén outras dúas datas pechadas este verán: o 30 de xullo no Asnot Festival de Padrón (A Coruña) e o 13 de agosto no Fich de Chantada (Lugo). En setembro viaxan a Londres, onde darán concertos en dous locais diferentes. "Temos moitas ganas de directo".

A idea é, á volta, pensar en serio nun disco. "Propuxéronnos aproveitar a viaxe a Londres para gravar un par de temas alí e estámolo pensando seriamente porque podería ser moi chulo. Pero por agora o plan é tratar de sacar un single. O disco quedaría para o inverno, cando hai máis tempo para pensar as cousas ben".

OITO GRUPOS DA ESCENA LOCAL NUN ESCENARIO DE CURROS ENRÍQUEZ
O festival Son da Serea, que se celebra este martes (dende as 18.00 horas) na Praza de Curros Enríquez, vén a supoñer a clausura dun programa de asesoramento e formación para bandas con experiencia, desenvolvido no Local de Música de Pontevedra. Nesta xornada de música ao vivo, que é de entrada libre, poderase ver como funcionan en directo. Ademais de Pladür actuarán Dalsi, Svzio XVR, Mobb Kidz, Dabelaii, Los Fuzz Faces, North Process e Brutal.

É a segunda actividade que organiza o Local de Música este verán. O primeiro foi o Serán de Tralla, que tivo lugar nas súas propias instalacións o 14 de xullo.

Comentarios