Elba Pedrosa: "O meu compromiso literario é darlles voz ás mulleres"

Dous anos despois da publicación da súa última novela, Elba Pedrosa retorna á narrativa coa publicación de Agora que cala a noite, unha obra de relatos entrecruzados que forman as partes dun todo. 
Elba Pedrosa. DP
photo_camera Elba Pedrosa. DP

A escritora Elba Pedrosa (Santa Cruz de Tenerife, 1973) atopou, como ela mesma declarou, o seu Elemento na escritura. Un elemento que, en palabras de Ken Robinson, designa o lugar onde as persoas fan o que realmente queren facer e onde son quen sempre quixeran ser. Agora, retorna á narrativa coa súa obra Agora que cala a noite (Aira Editorial), un conxunto de relatos interconectados entre si que busca poñer o altofalante no combatemento da violencia machista. A presentación da obra, que a levará ata Ourense, Vigo ou A Coruña, terá hoxe o seu primeiro capítulo en Santiago de Compostela.

A obra estrutúrase mediante a interconexión duns relatos que tamén actúan como historias independentes.
Nun primeiro momento este traballo tiña máis o formato dunha novela coral, aínda que as historias xa estaban separadas dalgún xeito. Pero xa falábamos de personaxes confidentes e que se repetían en cada unha das historias. Despois, falando co editor, chegamos á conclusión de que había que separalos máis para que eses relatos tivesen unha comunicación máis directa co lector. Porque realmente a mensaxe é moi clara, é moi potente e cun formato de relato era máis efectiva. O obxectivo é darlle voz ás mulleres, tanto na novela anterior como nesta. Ese é o meu compromiso literario.

A arte é un modo de expresión para, moitas veces, deixar claros os nosos compromisos sociais


Para a cita previa á obra, elixiu unha frase de Emilia Pardo Bazán: "Que se lle outorgue ao mérito o que é do mérito e non do sexo".
A declaración desta escritora referente, que tanto fixo pola igualdade, facía referencia á dificultade que tiñan as mulleres para publicar, á dificultade que tiñan as mulleres para estudar, para adquirir postos de relevancia, para ter unha cátedra propia ou para entrar nas academias de lingua. Todo isto, coa retranca galega, deixouno ela moi clariño e creo que son situacións que aínda hoxe temos que afrontar. Agora si que xa podemos publicar, si que xa podemos ter estudos, si que temos voz e cada vez máis en lugares onde é importante o poder de decisión, pero aínda queda camiño por facer. Xuntos: as mulleres e tamén os homes.

Na primeira das historias, a personaxe de Meli, actriz, reflexiona sobre que no seu oficio téndese a ser máis sincera a raíz das interpretacións que na propia vida persoal. É algo extrapolable á literatura?
Ao final a arte é un modo de expresión que temos os artistas para deixar claros moitas veces os nosos compromisos sociais. E si que, dalgún xeito, alzamos a nosa voz a través das nosas obras. É unha canle máis que abre emocións. Para que iso quede aí, para que esas manifestacións artísticas quedan aí ao longo dos anos.

Vostede fala de que descubriu na literatura ao seu elemento: a verdadeira paixón, a súa maneira de gozar de verdade. Como foi ese proceso?
Desde cativa eu contaba historias e expresábame, por exeplo, a través da danza, que é outra linguaxe. Sempre me gustara moito a interpretación, pero despois, cando elixín os meus estudos universitarios, que foron publicidade e relacións públicas, tamén quería contar historias a través da publicidade. E si que xa dun xeito máis profesional, como escritora e no ámbito da narrativa, deuse un pouco máis tarde, cando tiven a oportunidade. Unha oportunidade que se deu por mor da circunstancia de ser nai e ter que deixar a miña ocupación profesional para estar uns anos dedicada a coidar dos meus fillos e da miña familia. E aí, nese momento, foi cando me din de conta de que na escrita tiña a miña paixón. Non foi ata ese momento cando me decatei do tema da escrita e, ao mesmo tempo, do tema da interpretación, porque comecei a formarme como actriz.

O tema principal das súas obras publicadas, o dar voz ás mulleres, seguirá a ser o fío condutor das súas seguintes publicacións?
É un compromiso que teño adquirido de xeito moi conscente: alzar a voz das mulleres. E penso seguir facéndoo. De feito teño outra traballo, xa case rematado, no que tamén dou voz ás mulleres. E tamén, por outra banda, dou voz aos homes que cren nas mulleres e que cren na equidade. Penso que iso é importantísimo.

Comentarios