Elena Ferro: "O galego non pecha, senón que abre portas"

A Ponte do Burgo, este mércores ás 20.00 horas, é o escenario escollido pola iniciativa En3vistas para unir nunha mesma charla as caras visibles de Aí Falaches e EFerro, Jordi e Elena. Dúas formas de entender a moda e unha soa, explícita no primeiro caso e implícita no segundo, de entender o galego: falándoo en verbas e teas.
Elena Ferro. CEDIDA
photo_camera Elena Ferro. CEDIDA

Despois de máis dun século, EFerro continúa a súa andadura no mundo da zoquería. Faino, como sempre, na lingua nai dos seus artesáns: un galego ao que Elena, xa a terceira xeración dos Ferro, nunca pensou en renunciar. Un selo de identidade, algo tan sinxelo como falar en galego sendo galega, que nace desde dentro e que nace, claro, con moito orgullo.

Alegroulle a invitación?
Fíxome ilusión. Eu fago toda a nosa comunicación das redes en galego, sempre. Penso que é a mellor forma de comunicarme que teño. Noutro idioma para min non tería sentido.

Hai xente que pensa que expresarse en galego pecha portas, nunha época onde ademais calquera plataforma conta cun tradutor.
A nós non nos pechou ningunha porta. Ao contrario: penso que se nos abriron máis portas por comunicarnos así, porque tamén ves a realidade do que somos. Nós temos un logo que pon Feito en galego desde 1915. Feito en galego abarca moitas cousas: que está feito aquí, que está feito no noso idioma... e foi así desde sempre.

Vostede leva en feiras desde moi pequena. Notou en todos estes anos un cambio grande no uso do galego?
Si, por desgraza notouse unha perda. Sobre todo na xente miuda, nas crianzas. E iso é o que me preocupa de todo isto. Porque se non lle ensinamos a falar o noso idioma aos que veñen detrás, pois o futuro é máis difícil para a nosa lingua.

Como ve ese futuro? O futuro da lingua.
Eu trato de facer todo o que podo desde o meu traballo e desde a miña visibilidade como persoa que pode achegarse a máis xente a través destas charlas. Pero si que habería que traballar moito máis esa vía. Porque falar dúas linguas non resta, suma. Calquera persoa que saiba falar máis dunha lingua é máis rica. E, aparte, temos máis vantaxes á hora de aprender unha lingua nova. Non sei como hai xente que pode renegar dun idioma, neste caso do noso, co que nos criamos. Por que moita xente de aquí di que non o entende, ou que non o fala porque non o fala ben. Iso para min é un erro grande. Pódelo falar máis ou menos, pero todo o galego que se fale está ben falado.

Sexa máis ou sexa menos, todo o galego que se fale está ben falado

É estraño ter que normalizar o feito de que os galegos falen galego.
Si, de feito nós temos unha tenda en A Coruña e a xente de fóra entende perfectamente que nos comuniquemos en galego. Algunha vez hai algo que non entenden, veñen doutro sitio, pero fálaselles en castelán, en inglés, no idioma que precisen. Pero moitas veces somos nós mesmos, a xente de aquí, a que renega. Para min, antes de nada e o primeiro que tiña moi claro, era que na tenda íase falar galego. E algún problemiña que tivemos por causa diso foi por xente de aquí, non por xente de fóra. Comentarios despectivos como "Háblame en cristiano" ou "Por qué me hablas en gallego". Iso non era xente de fóra, era xente de aquí que renega do seu idioma. A ignorancia é moi atrevida.

Comentarios