Elías 'Knörr' Portela: ''No debería tener tanto revuelo que la primera ministra islandesa se declarase mi fan''

O coñecido refrán de “ninguén é profeta na súa terra” ten miles de exemplos que o confirman, como o do filólogo e poeta Elías Portela (Cangas do Morrazo, 1981), que para triunfar tivo que converterse en Elías Knörr na xélida Islandia, a onde chegou por primeira vez en 2001 para estudar.

P ¿Como acabou vostede en Islandia? Non é un lugar de emigración moi común...
R Pois un pouco entre a casualidade e o puro milagre. Eu xa tiña pensado pasarme polo norte, mais dado que fun cunha Erasmus a Reykjavik para estudar italiano, xa podes imaxinar que houbo un cruzamento de expectativas. Logo tamén houbo atrasos, mal tempo, bombas e perda de equipaxe... Toda unha odisea.

P ¿A que se dedica na illa?
R En Islandia a maior parte do tempo váiseme en estudar e na literatura. O problema é que a poesía non dá non para pagar o aluguer dun mísero mes. Logo, o resto de traballiños van e veñen; 2012 foi un ano ben chungo. Islandia é condenadamente cara; os prezos están como en Noruega, mais a moeda caeu tanto ¡que aínda non pasa da metade do que valía hai 10 anos!

P ¿Como empezou a escribir en islandés?
R Un pouco en broma. Hai anos tiña un blog en islandés, porque o ensino do idioma na universidade e o material eran pésimos e precisaba práctica. A poesía chegou máis tarde, como un xogo logotécnico, fedellando coas palabras. Logo, visto que os meus poemas gustaron, pensei nun libro.

P A primeira ministra de Islandia é fan súa. ¿Puido coñecela?

R Jóhanna é unha política e a súa opinión literaria non debería armar tanto rebumbio. Xa se volveu demasiado anecdótico para o meu gusto. Así e todo, a cousa sería diferente en Galicia: tendo en conta o que implica publicar en galego, non che digo que non me importaría saber que pensarían Feijóo, Rajoy ou ata Don Juan Carlos dun libro meu. Non é que a miña poesía sexa social; adoito tomar unha perspectiva máis aberta e pouco realista, pero entre liñas pódese ler descontento.

“O alcume de Knörr é máis importante que o meu apelido e moi enriquecedor”
P Nos seus poemas fixouse a ‘UK Poetry Review’. Toda unha honra, ¿non?
R A verdade que si, a escolla desta publicación foi moi inesperada. Sjón é normal que aparecese porque se cadra é o poeta vivo máis importante do país, pero Kári Tulinius e mais eu eramos dous poetas do máis novo e alternativo. Os tres somos moi singulares, bastante diferentes do resto... As valoracións son moi diferentes cando as fai alguén de fóra. Se o artigo fose dun islandés, eu non sería elixido nin de coña. Foi moi afortunado que a escolma fora independente. O mesmo pasa tamén en Galicia.

P Agora, ¿que plans ten? ¿Pode vivir aí da poesía?
R Non, en absoluto. A poesía, polo menos no formato no que a traballo eu, só dá cartos para unhas cervexas. 2011 e 2012 foron malos economicamente e iso repercute moito na creación literaria. Escribir necesita tempo e dedicación, e para iso precísase unha estabilidade da que carezo.

P ¿Alí segue sendo Knörr ou recuperou o Portela?
R Na miña vida literaria o alcume de Knörr case é máis importante que o meu apelido. En Islandia, como escritor, é imposible ser Portela. Mais, aínda que sexa un heterónimo e ficticio, gústame ter outra liña de investigación poética nunha lingua e nun sistema literario diferentes; resulta moi enriquecedor.

P Entre as súas afeccións están o jazz e... ¿o tango?
R Non son un entendido en jazz, pero adoro ir a un local no que o toquen en directo. O do tango si que era una paixón. Ía a clases cunha colega e, sempre que podiamos, apuntabámonos ás milongas.

Comentarios