Eloy Enciso, cineasta

"Facer cine para min non é só facer películas"

Coordinador do obradoiro de Novos Cinemas tras Patiño e Laxe, o autor de 'Arraianos' estreará en 2019 'Longa noite'

Eloy Enciso, en Ciencias Sociais. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Eloy Enciso, en Ciencias Sociais. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Vén de coordinar o obradoiro de cine con alumnos do Campus de Pontevedra que organiza o festival Novos Cinemas. Que fixeron nel?
En realidade non rematamos. Os alumnos aínda están acabando os cortos que se estrearán despois no festival. Basicamente era un obradoiro de caracter práctico arredor do río Lérez como espazo cinematográfico.

"Trátase de facer cine para converternos en persoas máis libres e sensibles", dixo Oliver Laxe sobre o enfoque que lle deu, o ano pasado, a este taller. "De lo que se trata es de que los chicos encuentren su propia mirada", comentaba Lois Patiño un ano antes.
Facer cine para min non é só facer películas. Non se limita a iso. Hai moitas formas de facer cine. Neste caso, que aquí haxa un obxectivo práctico, unhas condicións concretas e un tema forzado penso que axuda a entender que o cine ten que ver moitas veces coa xestión de limitacións de todo tipo e condición. Precisamente, na última sesión que tiven cos alumnos, púxenlles un fragmento dunha entrevista ao cineasta ruso Andréi Tarkovski na que fala disto, de que as condicións ideais non existen e de que, se existisen e o ser humano vivise nun mundo ideal, o artista non sería necesario. A vida sería perfecta, feliz, e ninguén necesitaría ir ver películas nin ningún tipo de arte. A arte e o artista son necesarios nun mundo enfermo, en palabras de Tarkovski. Por outra banda, os alumnos contaron con cousas importantes a favor como son a liberdade total de creación ou a realización do traballo nunha contorna e nun ambente absolutamente favorables.

Lois Patiño, Oliver Laxe e vostede forman parte do que se deu en chamar Novo Cinema Galego. Gústalle esa etiqueta?
É un nome que se puxo nun momento concreto para agrupar a unha serie de cineastas que traballabamos nunha liña un pouco diferente ao que se viña facendo en Galicia ata ese momento. Non me parece mal se realmente serve para que se coñeza o noso traballo. O que sería bo e saudable é que os que estamos metidos nese saco sexamos cada vez e con traballos máis variados.

"Un dos retos dos cineastas hoxe é como afrontar o seu traballo no medio do magma audiovisual multiplataforma e globalizado". Un exemplo dese magma: a película máis vista, a pasada fin de semana, foi a segunda parte de Animales fantásticos.
Acadar visibilidade non significa entrar a competir con ese tipo de cine. Nin usar as súas mesmas armas. Nin a súa linguaxe. Nin intentar copiar ese tipo de propostas. Ese é moitas veces o erro: pensar que como o mercado vai nesa dirección, todos temos que ir nesa dirección, que esa é a única maneira de distinguirse ou de sobrevivir. Vou poñer un exemplo moi estúpido: como McDonald's é un proxecto de éxito masivo, imos facer só hamburguesas. Que non exista nada máis que iso no ámbito gastronómico. Sería absurdo. Esas películas de bombas e superheroes xa teñen toda unha industria pensada para facelas en Hollywood.

De feito, vostede postula todo o contrario: facer cine dende o próximo, limitarse ao esencial...
En realidade iso é o máis difícil: dicir moito con moi pouco. Quizais un só personaxe, unha soa localización... Poucos planos, poucos elementos. Reducilo todo ao máis simple. Cando estás comezando todo isto é moi importante. Poñamos por caso: teño unha persoa nunha habitación. Pois imos intentar filmar iso o mellor posible. Vén a ser como pintar. Mellor é comezar con catro cores que con 50.

Cando fixo Arraianos tiña estas cousas na cabeza: buscar o sentido e a emoción no próximo, no pequeno?
Si, claro. Era a segunda película que facía e xa tiña na cabeza ese tipo de ideas, de conclusións se queres, ás que un vai chegando cando traballa.

E o seu proxecto actual, Longa noite, en que fase está?
Pois xa estamos rematando. Está na fase final.

Así que se estreará o ano que vén?
Si, agardamos que así sexa. Longa noite continúa unha liña de traballo que comecei en Arraianos traballando con actores amateur ou non profesionais, e a partir de textos literarios. Neste caso, trátase dun conxunto de fragmentos de distintas obras que tratan a represión durante os primeiros anos do franquismo: que pasou en Galicia cando rematou a Guerra Civil. A historia é bastante simple. Segue a un protagonista, Anxo, que volve á súa aldea, unha aldea do interior de Galicia, e vai atopando unha serie de personaxes a través dos que vai reconstruíndo a Galicia de entón. Eu creo que vai quedar moi bonita.

Que opina do festival Novos Cinemas? Gústalle?
Gústame moito este festival de Pontevedra. En primeiro lugar porque ten un criterio, unha liña de traballo. O audiovisual é hoxe tan grande que aí pode caber todo. Iso é un perigo. En segundo lugar gústame porque ten unha escala accesible. A programación é abarcable para un espectador. Non é destes que programan 200 ou 300 películas. Por enriba, para min, os festivais funcionan moito mellor en lugares pequenos ou medianos como Pontevedra. Encaixa unha cousa coa outra perfectamente. Eu gusto moito máis deste tipo de festivais. Por outra banda, Novos Cinemas necesita máis tempo para facerse coa cidade e a cidade co festival. Aí está o exemplo do Play-Doc de Tui. Este igual: vai dar moito máis de si.

Comentarios