'Emigrantas' chega ao Pazo da Cultura

A coprodución de Kirenia Danza e o Centro Coreográfico Galego poderase ver este sábado en Pontevedra
Unha imaxe promocional de 'Emigrantas'.
photo_camera Unha imaxe promocional de 'Emigrantas'. DP

David Loira e Esther Latorre son os dous bailaríns que protagonizan Emigrantas, unha peza dirixida pola bailarina, actriz e coreógrafa cubana Kirenia Martínez Acosta para a compañía que leva o seu nome. O espectáculo, unha coprodución co Centro Coreográfico Galego, chega ao Pazo da Cultura de Pontevedra este sábado (28 de maio, 20.30 horas). As entradas están á venda en ataquilla.com.

"Emigrantas é unha peza de danza sobre a última diáspora galega con perspectiva de xénero", explica Kirenia Danza. "Dúas intérpretes en escena vivencian unha experiencia central na súa xeración: a emigración e o retorno da derradeira diáspora, distintas das anteriores pero mantendo o pasado na memoria".

Segundo indica a compañía, "un grupo de mulleres creamos esta peza de danza para bailar datos, estatísticas, vivencias, intuicións e posibilidades; pezas coas que tecer un ensaio bailado sobre a actual diáspora galega en compaña de outras comunidades de emigrantas, dentro e fóra da Galicia interterritorial".

Comentarios