Emma Pedreira, escritora

"Somos moitas, somos boas e por fin temos espazos"

De Pontevedra a Santiago. Inmersa na presentación dos seus últimos libros, vén de acadar o título de mellor autora do 2018

Emma Pedreira na libraría Lila de Santiago. LUIS POLO (AGN)
photo_camera Emma Pedreira na libraría Lila de Santiago. LUIS POLO (AGN)

A REVISTA dixital Fervenzas Literarias vén de considerar a Emma Pedreira (A Coruña, 1978) autora do ano 2018 e destacar o seu Besta do seu sangue como mellor libro de narrativa, así como situar o seu poemario Antídoto entre os finalistas a mellor libro de poesía.

Que supón para Emma Pedreira este recoñecemento?
Hai xente que di que non é un premio a ter en conta, que é só unha inxección para o ego. Para min é moi especial porque non concursas, senón que te fan concursar. Ademais, é como a antesala de todos os premios que valoran a creación literaria do ano anterior. Que sexa o público lector quen vote e te escolle é moi importante.

Vai de presentación en recital e de premio en premio. Sente que se atopa nun momento clave como autora?
Teño a sensación de que a miña obra se está recibindo moi ben. Teño moita sorte por contar con isto. Tamén teño a sensación de que non me podo relaxar, hai que estar sempre á altura. Recoñécese o teu traballo e non te podes permitir fallar nin defraudar.

Di que á hora de escribir sempre «corre sen mirar atrás», que as historias van xermolando na súa cabeza, ata que agroman. É así como enfronta o proceso creativo?
A verdade é que son unha escoitadora. Encántame escoitar o que pasa o meu arredor. Van apousando as ideas, vanse traballando, vou lendo e recollendo datos, facendo cada vez máis investigación ata que un día todo isto chega a encher unha gabeta imaxinaria onde se vai metendo todo e, de súpeto, é necesario escribilo.

"Gústame pensar que cando bote unha ollada ó principio non me vou avergoñar de nada, que son coherente tamén coa orixe"

Cre que actualmente se está poñendo máis o foco nas autoras?
Levo escoitando esa frase vinte anos. Que se poesía de muller, narrativa de muller, feminismo literario... Creo que non se trata dun momento. Un momento non dura vinte anos, que é toda a miña vida profesional como autora. Non creo que sexa ningunha moda, nin que sexa algo circunstancial. Somos moitas, somos boas e por fin estamos conseguindo espazos. Ese era o problema. Si había autoras e obras escritas por mulleres, pero non había espazos para elas. Aínda queda moito por segar, como dicimos as que integramos A Sega. Queda moito por facer e moito por visibilizar, pero non é unha moda. É un acto de xustiza.

Estamos nun intre importante para o feminismo.
É evidente que hai un momento feminista moi potente, pero tamén hai unha reacción social moi machista. Levamos un feixe de casos de agresión, de violencia e asasinatos machistas neste ano. Canto máis nos erguemos, máis reacción. Se ata o de agora sempre falei de educación, agora tamén podemos falar de loita porque se nos vai a vida nisto. Moléstanme os posicionamentos intermedios desde o eido político, social, literario e artístico. As bases están sentadas, agora é cando hai que vivir en consecuencia co feminismo.

Que se lle pasa pola cabeza cando escoita frases como que o galego é unha ameaza para castelán?
Non quero valorar iso porque hai que tomalo en función de quen vén. Non me gusta pelexarme nin falar mal de quen ten unha eiva intelectual e terá que ir o sitio axeitado para curala. Se alguén me ofrece cifras onde realmente se vexa esa realidade terei que coller esas cifras e falar en serio, pero non é o caso.

Como valora o momento que atravesa a cultura galega?
Estamos nun momento moi malo e nun momento moi bo. Todo ten o seu punto a prol e en contra. Hai cousas como a música, onde imos súper ben. Temos proxección externa e somos moi felices escoitando e consumindo música galega. Coa literatura pasa un pouco o mesmo. Estamos sempre gozando dunha mala boa saúde. Non nos podemos queixar. Podémonos queixar de como nos tratan, de como non nos deixan medrar. Superviviencia é o mínimo e trascendencia é o máximo ó que podemos aspirar, pero precisamos que haxa políticas culturais.

Como é a súa relación coas redes sociais?
Gústanme moito porque son unha persoa con pouco tempo para socializar en tempo real, porque teño unha vida doméstica moi complicada. As redes son unha ‘mirilla’ ó mundo para min. Son un recurso para ter contacto coa xente que coñeces, pero tamén coa que non coñeces e está ó outro lado dos teus libros.

Sempre ten varios proxectos abertos a un tempo, pero cal é esa historia que lle falta por escribir?
Faltan moitas. Teño 40 anos e gustaríame ter vinte máis de carreira, publicando. Non penso nun libro concreto. Gústame pensar en escribir un libro sempre mellor có anterior, en ir aprendendo e beber de fontes novas. E, sobre todo, gústame pensar que cando bote unha ollada ó principio non me vou avergoñar de nada, que son coherente coa progresión e tamén coa orixe.

Comentarios