''En Chévere xuntámonos unha tropa de sen papeis nun caiuco común''

nasa.jpg
photo_camera nasa.jpg

Vencellado nun principio á compañía Chévere, o espazo compostelán abriuse a outras propostas, e hoxe Chévere e a Nasa son "como dous irmáns adultos e autónomos"  Miguel de Lira e Xesús Ron, comandantes da nave, desvelan a súa folla de ruta.

PREGUNTA: Cal é o segredo da Sala Nasa para seguir aí 15 anos despois?

MIGUEL DE LIRA: O segredo é estar no día a día. Ás veces hai tantos motivos para pechar como para permanecer abertos. O segredo está en entender a Nasa como un espazo común; non como un negocio, senón como unha república.
 
XESÚS RON: Unha das cuestións fundamentais e que é un proxecto colectivizado, unha iniciativa aberta a moita xente. Os que lle dan vida non son exclusivamente os que xestionan, senón toda a xente que fai uso dela. A clave está en que é un proxecto social.

P: É de clientela fixa ou vai por ciclos universitarios?
 
Xesús: Non é público universitario, de feito agora estamos buscando estratexias para vincularnos co público novo, que o estamos perdendo. O público da Nasa foi medrando coa sala e con nós. Hai moitísimo público 'corentón' que é un público moi fiel, e si que se foi renovando. Temos un público bastante consolidado entre os 25 e os 45 anos, pero costa atrapar ao público de 18-20, e ao público maior.

P: É un dos poucos lugares rendibles de exhibición teatral?

Miguel: Unha sala alternativa nunca será rendible dende o punto de vista económico. Con todo, a día de hoxe, ten un equilibrio e goza dalgúns apoios máis ca hai uns anos, porque libramos moitas batallas.  Xa estivemos peor, agora parece que está máis asentado. Como negocio, habería que reenfocalo doutra maneira, como nos ten dito moita xente: "¿Por que non montades unha discoteca?".

Orixes e futuro da Nasa
P: Como decidiron embarcarse na Nasa?

Miguel: Por unha necesidade de Chévere, porque estaba nun proceso creativo emerxente pero bastante forte. Necesitabamos un espazo de traballo para crear os nosos espectáculos. En Chévere confluíu xente que viña da fronteira teatral, musical, artística... rompéronse as fronteiras e xuntámonos unha tropa de 'sen papeis' nunha especie de 'caiuco' común 

Collemos esta nave, un antigo taller de coches que estaba abandonado en San Lourenzo, fixemos unha primeira reforma e abrímolo como espazo para nós e como Nave de Servizos Artísticos (Nasa) para outras iniciativas de artistas do entorno santiagués e galego. Sen querer, converteuse nunha nave con moitos artistas que presentaban as súas propostas, tamén de moitos espectadores,... creouse esa comunidade. E agora é un dos poucos espazos así que resisten en Santiago.

Xesús: Calquera iniciativa que quixera xurdir agora deste estilo, non tería espazo en Santiago, que está pechando un círculo. O modelo de cidade sempre a vai marxinar, porque se institucionalizou moito. Agora as salas de teatro ligadas a compañías están xurdindo na Coruña e en Vigo.

P: Que proxectos teñen para a Sala?

Xesús: Estamos metidos no tema do aniversario, que é un horizonte de madurez, e queremos modificar o proxecto. Cremos que xa non é un proxecto particular dun grupo de teatro, senón que pasou a ser un proxecto público, no sentido de que pertence tamén á cidade. O único horizonte de futuro que ten a Nasa é un proxecto mixto no que se implique a administración municipal.

P: Que tipo de colaboración sería?

Xesús: Debemos compartir a responsabilidade, e non a través dunha axuda puntual. O Concello está apoiando moito a Nasa, pero esixe un cambio de modelo de relación, quizais un cambio de situación para que un proxecto tan consolidado non dependa de que poidamos pagar o aluguer. San Lourenzo antes era un barrio marxinal e agora é un barrio VIP. Quizais pase pola ocupación dun espazo público ou dunha cesión de espazo por parte do Concello, como se fixo coa SGAE. 

A escea galega: funtos fortes e febles
P: A relación entre lingua galega e teatro é algo natural, ou segue habendo compromiso?

Miguel: Creo que é algo natural. Facer teatro en galego para min non é un compromiso, senón unha necesidade.

Xesús: Creo que está normalizado a nivel lingüístico, porque máis ou menos dunha maneira espontánea xa todo o mundo o fai; o que si noto é que se perde esa presión sobre que un teatro é un axente normalizador da lingua, sae espontaneamente pero notamos na xente máis nova que pode acabar perdéndose.

P: Cales son os puntos fortes do teatro galego hoxe en día?

Miguel: Non che sei dicir... O teatro debe poñer a carne no asador, e ter a necesidade de contar algo. O que está sobre o escenario ten que ser auténtico. A propia profesión pódeche atrapar a ter que producir, e é un círculo vicioso. Está ben parar e pensar que ás veces non tes que pedir sempre subvención se non tes claro que tes que facer un espectáculo.

Xesús: Os puntos fortes van máis polo lado de que o teatro é agora unha necesidade. Chegou a moitas vilas e pobos, hai unha rede, forma parte da vida da xente. Agora xa hai un público creado, que lle gusta ver teatro en galego.

P: E os puntos febles?

Xesús: Agora mesmo, o punto máis feble ten que ver coa vitalidade creativa. Cómpre que aparezan cousas novas, xente cunha poética ou cunhas cousas que dicir moi claras. Eu noto que non é un panorama excesivamente atractivo dende o punto de vista creativo. Está un pouco ancorado, e costa renovalo pola base.

Cando a política e o teatro se mesturan
P: Cren, como Manuel Lourenzo, que a miseria que lle tocou vivir ao teatro foi vivir pegado á politica?

Miguel: Si, seguramente, é unha boa reflexión. O teatro neste país, onde non hai grandes posibilidades de teatro privado, vai moi unido á contratación pública, aos apoios. Se te separas de aí, ter presenza é moi difícil. As decisións políticas afectan moito ao desenvolvemento do panorama teatral. O exemplo máximo é a Cidade da Cultura, onde o único importante é o papel de caramelo.

O teatro é tan fráxil, que é como unha esponxa que colle todos os ácaros das decisións políticas. A política crea un hardware, e o teatro ten que manipular o software, pero as veces, cando as ferramentas son tan ríxidas e as decisións están equivocadas, está aquilo cheo de virus.

Xesús: Eu creo que a política é a miseria que os propios profesionais reproducen, mesmo se vivimos nun contexto hostil, porque foron 20 anos de goberno de dereitas que lle daba igual o teatro.

P: Que opinión teñen do borrador do Plan Galego de Artes Escénicas?

Miguel: De entrada, o feito de que se faga un plano, está guai, pero ten que ter ferramentas para que se poida levar á práctica. Estamos nun modelo que fracasou por moitos lados, e non podemos instalarnos nun modelo igual ao que tiñamos porque estamos nunha sociedade de cambio. Creo que é mellor arriscar polo modelo novo que non quedar co que temos e mirar para outro lado.
 
Xesús: Paréceme fundamental dotarnos do que sería o equivalente a unha lei de teatro para Galicia. Hai cousas sobre a mesa que poden supoñer unha revolución a nivel de organización teatral. Por exemplo, a creación dunha rede de centros dedicados á creación que non dependan dunha unidade de produción pública como o CDG ou o Centro Coreográfico. A administración favorecería a creación de instrumentos para que cada un adquira formación e o desenvolvemento necesario pero sen institucionalizarse.

Comentarios