Por enriba de todo, Surfing the Lérez

O público ateiga a Illa do Covo na despedida do festival e converte en multitudinarios os últimos concertos da programación ▶ Boyanka Kostova, Familia Caamagno, Berto, Cora Velasco, Grande Amore e Terbutalina puxéronlle música ao peche do evento
Grande Amore acabou manteado polo público. GONZALO GARCÍA
photo_camera Grande Amore acabou tirándose ao público. GONZALO GARCÍA

Saíu o sol finalmente na terceira e última xornada do festival Surfing the Lérez e iso derivou nunha presenza masiva de público dende o mediodía ata a madrugada. Día grande do Surfing the Lérez, o deste sábado. Día para a historia do festival.

"A verdade é que sabe a gloria facer isto despois de dous anos e obter esta resposta do público", recoñecía a modo de balance final o coordinador do festival da Illa do Covo, Marcos Rivas. "Porque se alguén o pasou mal durante este tempo foi a xente da música e da hostalaría. Poder volver traballar así é unha alegría".

Berto e Mariña Paz no Surfing the Lérez. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Berto e Mariña Paz. J.L. OUBIÑA

Moita xente de idades moi diferentes tomou o evento. "E notouse moitísimo. Volveron os picnics, volveron as familias e volveu o que é a esencia deste festival. A verdade é que estamos moi contentos porque este último día está indo fenomenal. A xente está entregada en todos os concertos. E a verdade é que non se pode pedir máis".

O festival foi medrando ao longo do día ata estoupar pola tarde. Cando Grande Amore, o que xa se prevía que sería un dos pratos fortes da edición deste ano, saltou ao escenario, milleiros de persoas ateigaban o espazo no que ía actuar. Foi o punto álxido do Surfing the Lérez 2022. Por momentos mesmo se facía complicado o acceso a través da pasarela de madeira que conectaba ese escenario pegado ao campus universitario co resto da Illa do Covo. O propio artista recoñeceu que nunca actuara ante tanta xente. E con el desatouse a loucura. Acabou tirándose ao público. Outro concerto ateigado e que funcionou como trallazo final do festival foi o de Terbutalina. Os de Muros pecharon a edición deste ano cunha actuación adrenalínica das súas que os confirmou como unha das bandas galegas cun dos directos máis poderosos e contundentes da actualidade.

A terceira xornada do festival xa volvera empezar forte (como fixera o día anterior cos Heredeiros da Crus), levando ao horario da sesión vermú dous dos grandes concertos do día: o de Boyanka Kostova e o de Familia Caamagno. O primeiro, por enriba, contou cun momento estrela: unha petición de matrimonio en vivo enriba do escenario. E incluíu unha chiscadela ao que foi un dos grandes concertos do venres, o de Dismal, que elixiu o festival pontevedrés para volver subir a un escenario despois de 15 anos. Chicho González levou unha das súas camisolas.

Boyanka Kostova diante do público do seu concerto no Surfing the Lérez. RAFA FARIÑA
Boyanka Kostova diante do público do seu concerto no Surfing the Lérez. RAFA FARIÑA

Os Boyanka Kostova fixeron un repaso rápido a algúns dos seus temas máis coñecidos (Orquesta, Restaurantes, Diego Tristán...), avanzaron o que é o primeiro tema do seu novo álbum, A quincena do Apóstol, e remataron, como acostuman, no medio do público para cantar Muinheira do interior.

Os avós e a nai de Berto, en primeira fila, durante o seu concerto no Surfing the Lérez. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Os avós e a nai de Berto. J.L. OUBIÑA

Nese mesmo horario tamén se puido ver pola Illa das Esculturas a boa parte da corporación municipal, dende o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a practicamente todos os seus concelleiros: de Anabel Gulías a Pilar Comesaña.

Xa pola tarde, Queco Lago presentou o seu primeiro EP en directo coa súa banda e cun invitado sorpresa, o cociñeiro con estrela Michelin Pepe Solla. Tamén presentou en directo o seu último disco o pontevedrés Berto, que subiu ao escenario a Mariña Paz, coa que sacou un EP este mesmo ano. Berto protagonizou un concerto especialmente emotivo ao estar presente a súa familia, incluídos os seus avós. Igualmente xogaba na casa Cora Velasco, que chegou ao Surfing the Lérez apenas uns poucos días despois de actuar no festival compostelán O Son do Camiño. O último concerto do escenario instalado ao final da Illa das Esculturas foi o de The Rapants.

Volveron os picnics, volveron as familias e volveu o que é a esencia deste festival. A verdade é que sabe a gloria facer isto despois de dous anos e obter esta resposta do público.

Onte, a maiores, actuaron Copa Turbo, Playa Desmayo, Beti de la Church (no que foi o único cambio de última hora no cartel ao atoparse enferma Carlota Crey), Kings of the Beach e Elephants and Paw. No escenario infantil houbo obradoiros e xogos en distintos horarios ao longo de toda a xornada.

Queco Lago xunto a Pepe Solla. GONZALO GARCÍA
Queco Lago xunto a Pepe Solla. G. GARCÍA

Finalmente, o escenario que estes días viñeron ocupando os DJ transformouse no escenario Bonobo. Alí actuaron, entre as 12.00 e as 20.30 horas de xeito ininterrumpido, grupos de alumnos e alumnas desta academia de artes pontevedresa, que conta entre os seus mestres con Gonzalo Maceiras (Furious Monkey House) ou Violeta Mosquera (Bala). A partir das 21.00 horas ocupárono artistas vinculados a esa mesma escola, como Thom Archi e Marinha DJ, e tamén volveron pinchar outros que xa pasaran polo evento como DJ Dinero.

O festival Surfing the Lérez recuperouse este mes de xuño, tras dous anos sen poder celebrarse a causa da pandemia, da man da produtora Jack-Jack e do Concello de Pontevedra. Comezou o xoves pola tarde e incluíu máis de 30 actuacións. integramente de artistas galegos, entre as que estiveron as de Ortiga, Heredeiros da Crus ou Dismal. O evento, que ten como patrocinadores principais a Deleite e Vibra Mahou, é de acceso libre e gratuíto e ten carácter solidario, ao recoller alimentos non perecedeiros para Redeaxuda.