O Entroido de Pontevedra amplía a Festa Pirata e incorpora unha sesión vermú coas murgas

Festas nos barrios da Pasarela e do Burgo súmanse á programación festiva, que dará comezo o 17 de febreiro e se prolongará ata o día 25
Carme de Silva presenta o Entroido 2023. GONZALO GARCÍA
photo_camera Carme de Silva presenta o Entroido 2023. GONZALO GARCÍA

Volve o Entroido sen ningún tipo de restricións a Pontevedra. A concelleira de Festas, Carme da Silva, presentou este mércores a programación festiva, que dará comezo o 17 de febreiro e se prolongará ata o día 25 e que contará con varias novidades. As dúas máis importantes: a amplicación da Festa Pirata e a celebración dunha sesión vermú con todas as murgas.

  1. Sábado 11 de febreiro
  2. Venres 17 de febreiro
  3. Luns 20 de febreiro
  4. Martes 21 de febreiro
  5. Mércores 22 de febreiro
  6. Xoves 23 de febreiro
  7. Venres 24 de febreiro

"Chegou o Entroido máis agardado polos festeiros, a troula compartida, o primeiro que se vai poder celebrar como debe ser dende 2020", dixo a concelleira.

Sábado 11 de febreiro

Antes do comezo oficial da festa, como é habitual, haberá un anticipo en forma de pasarrúas polo centro histórico en homenaxe a un Entroido clásico. Neste caso será o dos follateiros de Lobios (Ourense). Será o sábado 11 de febreiro (17.00 horas).

Venres 17 de febreiro

Loro Ravachol, protagonista del Entroido pontevedrés. ADP
Loro Ravachol, protagonista del Entroido pontevedrés. ADP

O pregón do venres 17 de febreiro (21.00 horas), na Praza da Ferrería, servirá para dar comezo á programación oficial. Este ano correrá a cargo "dun grupo que participa activamente tanto no Entroido como na Feira Franca", Os do Pino. Ao día seguinte (dende as 17.00 horas) celebrarase o tradicional desfile, recuperando o percorrido habitual, dende José Malvar ata a Alameda. Tamén se recupera a festa final posterior na Ferrería (a partir das 20.00 horas).

Segundo contou Da Silva, outra das novidades do Entroido deste ano será o reparto dos premios na categoría das comparsas. "Mantense a dotación económica, pero repartirase de xeito diferente para que as oito agrupacións participantes teñan galardón", contou a concelleira, que lembrou "o enorme esforzo que fan estes colectivos por participar".

Luns 20 de febreiro

O luns 20 de febreiro (19.30 horas) chega o papagaio Ravachol á Praza da Peregrina. Alí quedará desvelado un dos misterios do Entroido pontevedrés: de que vai disfrazado. A Asociación Recriativa de Xeve será a encargada, un ano máis, da construción do animal e do seu disfraz. "Tras a experiencia do ano pasado, que funcionou tan ben entre o público, desta vez Ravachol volverá quedar instalado no espazo público, sempre que o tempo o permita".

O papagaio estará todo o que dure o Entroido na propia Peregrina. O mesmo luns (21.00 horas), no Pazo da Cultura, celebrarase a primeira semifinal do XXXI Concurso de Murgas. "Como viña sendo habitual xa, todos os que non poidan vela en vivo poderana seguir por streaming".

Martes 21 de febreiro

A xornada do 21 de febreiro será a dedicada á Festa Pirata. O Concello fixo un cambio substancial nesta actividade, que pasa de celebrarse a partir das 23.00 horas a facelo a partir das 20.00 horas e durante toda a noite. Así, como era habitual, haberá unha sesión infantil na Praza da Ferrería (17.00 horas) e despois (a partir das 20.00 horas) comezará o desembarco da tripulación do Burla Negra, capitaneado polo pirata Benito Soto, polo centro histórico, para enfrontarse aos exércitos franceses e ingleses.

"Este adianto no horario ten que ver, entre outras cousas, coa cantidade de nenos e nenas que sabiamos que querían participar na actividade e aos que se lles facía algo tarde". A Ferrería acollerá un baile pirata (21.00 horas) cun concerto a cargo do grupo Broken Peach. E, despois (23.00 horas), haberá pasarrúas pirata a cargo de distintas agrupacións por todo o centro.

Mércores 22 de febreiro

A Corrida da Rosa, no campo da festa de Cabaleiro (16.30 horas), dentro do que supón a recuperación do Entroido tradicional de Campañó, e a festa infantil no centro cultural de Monte Porreiro (17.30 horas) marcan a xornada do mércores 22 de febreiro, que tamén inclúe a celebración da segunda semifinal do Concurso de Murgas no Pazo da Cultura (21.00 horas).

Xoves 23 de febreiro

Carnaval en Pontevedra. RAFA FARIÑA
Carnaval en Pontevedra. RAFA FARIÑA

A final do certame do Concurso de Murgas no Pazo da Cultura terá lugar o xoves 23 de febreiro (ás 21.00 horas). Ese mesma xornada celebrarase outra das novidades da programación: unha festa na Pasarela da rúa 12 de novembro (17.30 horas).

Venres 24 de febreiro

O venres 24 de febreiro celebrarase a XXVI Mostra da Parodia. E o sábado 25 de febreiro o Entroido rematará en Pontevedra cunha xornada que incorporará unha sesión vermú na Paza da Verdura (12.30 horas) coa actuación de todas as murgas "xa sen as ataduras e os nervios do concurso". O cortexo fúnebre de Ravachol sairá da Praza da Verdura (21.00 horas) e rematará co velorio na Praza da Ferrería e a posterior queima do papagaio. A programación rematará cun baile no Centro Cultural do Burgo (22.30 horas).

Carme da Silva contou que o cartel do Entroido deste ano volveu correr a cargo do ilustrador pontevedrés Santiago Paredes, que xa realizara o do ano pasado. A concelleira tamén lembrou que a festa se completa en Pontevedra coas XI Xornadas sobre o Entroido de Galicia, que se celebrarán no antigo convento de Santa Clara, os días 24 e 25 de febreiro.

Comentarios