viernes. 25.09.2020 |
El tiempo
viernes. 25.09.2020
El tiempo

Seis episodios para tomar a sorbos

Imaxe da rodaxe dun dos capítulos de 'A Cortados' xunto aos autores da serie. CEDIDA
Imaxe da rodaxe dun dos capítulos de 'A Cortados' xunto aos autores da serie. CEDIDA
A produción A Cortados, dun grupo de mozos da Estrada é finalista dos premios Mestre Mateo a mellor webserie con seis historias autoconclusivas que teñen relación co café

UNHA SERIE para ver "mentres tomas un café, esperas o bus, estás no retrete...". Esa é a carta de presentación de A Cortados, unha idea orixinal dun grupo de mozos da Estrada que agora está nomeada a Mellor Webserie nos Premios Mestre Mateo.

"Chámase así porque todos os capítulos teñen algunha relación co café e porque está pensada para tomar mentres tomas un, son capítulos cortiños", conta Ariadna Silva, unha das mozas integrantes do equipo da serie. Con ela, outros catro mozos que realizaron o Bacharelato Artístico no IES García Barros da Estrada crearon hai anos unha produtora para facer traballos de clase. Chamábase Gancho Producións e con ela realizaran xa algunha curtametraxe. Logo, cada un mudouse a cidades diferentes para estudar as súas carreiras e, o ano pasado, volveron á Estrada. "Tiñamos algúns capítulos gravados de 2015 e quixemos retomalo, con maior experiencia e coñecemento técnico", conta a moza, que estuda Comunicación Audiovisual. Para cada un dos capítulos contaron coa colaboración de actores como Marcos Pereiro ou Isi. A segunda parte da rodaxe tivo lugar en 2019 e todos os capítulos poden verse en Youtube.

Silva describe A Cortados como unha serie con humor, na que se producen moitos xiros de guión e se representan situacións cotiáns mediante sketches. "O primeiro episodio, por exemplo, chámase Cafeína porque fala dunha rapaza que a precisa para estudar", conta. Outro dos capítulos recrea a consulta dunha tarotista (na imaxe) e o último deles é en branco e negro e conta a historia de dous homes que espertan na mesma habitación baleira cun único teléfono que os comunica co exterior. "Á xente gústalle moito porque é bastante variada", apunta a moza, que é a directora de fotografía e da posprodución de cor na serie.

Ademais, o seu compañeiro Isaac Rivadulla encárgase da dirección, o guión e a montaxe; André Díaz, do storyboard e script, e Manuel García Vicente, do son e a composición musical. "Estamos todos moi ilusionados porque é o primeiro proxecto que facemos e esta nomeados é un indicativo de que o estamos facendo ben", conta. Sobre proxectos de futuro, asegura que lles gustaría formalizar a produtora que herdaron das clases de Bacharelato. Gancho Producións aspira a converterse, así, nunha asociación que potencie e dinamice o sector audiovisual na Estrada, aumentando o seu equipo e acollendo proxectos novos. "Xa gravamos unha curta de terror para o Festival de Cine de Terror Panic", no concello dos mozos.

Unha oportunidade para os novos creadores pode ser o aproveitamento de novas plataformas dixitais, moitas pertencentes a canles de televisión, nas que se dá difusión a este tipo de produtos. "Flooxer ou Playz son plataformas pensadas para este tipo de contidos, non amateurs, pero sí de xente que está comezando e que poden ser unha opción á hora de dar a coñecer as producións", indica Silva.

Silva amosa así o seu convencemento e compromiso co sector audiovisual en Galicia. "Pódese traballar neste ámbito aquí e ademais estase traballando ben", apunta. Neste sentido, engade que, tras experiencias noutras cidades do Estado, a súa intención é poder traballar sen emigrar.

Seis episodios para tomar a sorbos
Comentarios