O 'escape room' de Santa Clara será a gran novidade de Noites Abertas 2023

O programa contará cun total de 150 actividades, que darán comezo no próximo 27 de xaneiro
Alberto Oubiña, na reunión cos monitores de Noites Abertas. RAFA FARIÑA
photo_camera Alberto Oubiña, na reunión cos monitores de Noites Abertas. RAFA FARIÑA

O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, presentou na mañá deste xoves o programa de Noites Abertas 2023.

A gran novidade desta 24º edición será a elección de Santa Clara como escenario para levar a cabo un escape room moi especial. Desta maneira, acotarase unha zona do convento co fin de sacarlle o maior partido á que será unha das actividades estrela. A iniciativa, a súa vez, repetirá espazos como o Froebel, a Casa Azul, o Pavillón Multiusos e os campos de herba sintética situados ao carón deste, a praia fluvial do Lérez (para a ruta nocturna en kaiak), o Local de Música, o parque de cans (da xunqueira de Alba), a praza da Ferraría ou a senda do Gafos. 

En canto ás datas, o programa deste ano estenderase desde o 27 de xaneiro ata o 1 de abril, propiciando 16 xornadas –os venres e os sábados– cun horario de actividades que oscilará entre as 18.00 e as 00.30 horas da noite. O programa, iso si, terá un parón de catro días concretos, coincidindo co Entroido na cidade -o 16 e o 18, e o 24 e o 25 de febreiro-. Serán, en resumo, 150 sesións adicadas a unha xuventude comprendida entre os 12 e os 30 anos.

As 150 actividades en cuestión serán impulsadas por diversos sectores da poboación: empresas locais, asociacións da cidade, clubes deportivos e tamén propostas individuais. Como sempre, todas serán de balde e tan só algunhas, como o escape room de Santa Clara ou o observatorio astronómico no miradoiro do Verdugo, requerirán de inscrición previa.

Entre as propostas, repiten eventos como cestaría –presente desde o primeiro ano–, observación nocturna no Gafos, billarda, tenis de mesa, bádminton, fútbol 7 mixto, ou a lámpada marabillosa. Entre as novidades, amais do escape room en Santa Clara, atópanse actividades de realidade virtual con Gaming Troop ou a pintura de miniaturas e wargames con Rotting Pizza.

A totalidade do programa pódese atopar na propia páxina web do mesmo: noitesabertas.gal.

Comentarios