"Escribir dos Beatles foi como facer de rei mago, un exercicio de felicidade"

Francisco Castro, director da editorial Galaxia, vén de publicar unha obra que pon luz sobre aspectos menos coñecidos do grupo máis coñecido de todos os tempos
Francisco Castro, escritor e director de Galaxia. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Francisco Castro, escritor e director de Galaxia. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Responde desde un local de música en Vigo onde non está a soar música dos Beatles "malia ser un sitio agradable". Non importa, Francisco Castro, beatlemaníaco confeso e autor do libro Eso no estaba en mi libro de los Beatles vén de mercar un tocadiscos novo onde soan, entre outras, as cancións de Abbey Road.

Hai milleiros de publicacións sobre os catro de Liverpool, quedaba algo por contar?
Se vas a Google ves que hai 16.000 referencias a libros dos Beatles, realmente aínda hai máis. Ese era o reto, por iso leva ese título. Intento poñer a lupa sobre asuntos que non son tan coñecidos da súa música, da súa vida, asuntos que pasaron de puntiñas, pero que están aí. E logo atrévome a dar un motivo para a famosa separación da banda. Dou detalles descoñecidos dalgunhas cancións, por exemplo, ‘Yesterday’, que é a canción máis versionada da historia. Era unha canción que os Beatles non querían publicar porque dáballes corte. Que ían pensar os rockeiros diante dunha balada tan melosa, con violíns etc.? Por iso escondérona na cara B dun LP, ‘Help’, e non a lanzaron como single no Reino Unido, a ver se ninguén se enteraba. Claro, foi número un en Estados Unidos e enterouse todo o mundo.

E logo conta algunhas curiosidades, como que Frank Sinatra sostiña que Something, composta por George Harrison, era a mellor canción de amor escrita.
Si, deses temas paralelos aos Beatles pero que son moi importantes. Falamos da primeira muller que gravou con eles. O mundo do rock and roll segue a ser un mundo moi masculinizado, incluso machista, pero naquela época aínda máis. As mulleres deles non entraban no estudo de gravación. Esa norma rompeuna Lennon cando instalou a Yoko Ono no estudo. Houbo un momento no que se precisaba música de arpa e é convocada Sheila Bromberg, a primeira en tocar con eles. Son asuntos non moi coñecidos. Este era o reto do libro.

"Intento poñer a lupa sobre asuntos que non son tan coñecidos"

Dixo nalgunha ocasión que vostede xa escoitaba música dos Beatles antes de falar ou camiñar.
Nacín en outubro do ano 66, iso quere dicir que os Beatles xa deixaran os concertos en directo. Decidiran deixar a xira para centrarse no traballo de estudo. A miña fortuna é ter un irmán dez anos maior. Cando eu empezo a levantar a cabeciña era a música que soaba na casa. Así como o meu irmán non lles fixo máis caso a aqueles discos eu recórdome con 5 ou 6 anos escoitando en bucle as cancións, unha e outra vez. Eu digo que escoito aos Beatles oito días a semana.

Que o animou a escribir sobre os Beatles?
Foi unha encomenda editorial. Levo escribindo sobre os Beatles moito nas redes sociais, na prensa desde hai tempo... Chámaseme varias veces da radio cando hai unha efeméride, por exemplo. Teño esa condición de experto accesible. Como son unha persoa moi ocupada recordo que lles dixen que ía precisar como mínimo un ano para escribilo, porque eles querían que fixese 200 páxinas. Ao final escribino en dous meses. Foi un acto de escritura rápida e divertida. Non o pasei tan ben nunca escribindo un libro. Tamén é certo que é a primeira vez que escribo un libro destas características. Igual que escribín 200 páxinas podería ter escrito 2.000. Foi un exercicio de felicidade. Pensei que ía ter que recorrer a moita bibliografía e finalmente non fixo falta máis que para axustar as datas, pero é que realmente levo 55 anos vivindo con esta xente na cabeza.

Que se lle pasou pola cabeza cando recibiu a proposta da editorial?
Foi un reto especial e unha honra. Cando recibín o convite a miña reacción foi esmendrellarme de risa. É algo parecido a cando me pediron que fixera de rei mago, hai cousas que son agasallos que che dá a vida. Ademais que unha editorial tan importante cun catálogo tan notable como é Almuzara confiase en min para facer este libro sobre os Beatles... para min non é un traballo é unha diversión.

"Estou recuperando ao músico que sempre quixen ser"

Chama a atención que sendo director xeral dunha editorial publique noutra e sen ser en galego.
Non ten nada de especial. Se mo pedise unha editorial inglesa tamén o faría. Este é un libro que encarga unha editorial que ten un catálogo de libros de música moi interesante e que os edita en castelán. Loxicamente tiña que escribilo así. Cando a Carlos Casares Renfe ou Iberia lle pedían contos para as súas revistas loxicamente tamén os facía en castelán. Non me estou comparando con el, quero dicir que os escritores profesionais de cando en vez reciben este tipo de encomendas. Pero, sinceramente, non lle vexo sentido a traducilo. O libro xa o publicou Almuzara. A vida que debe ter é a que está tendo.

Pensa en facer unha cara b?
Eu pensalo non, pero se se me propón digo que si de cabeza, porque quedan moitas cousas que contar. Xa che digo, ten 200 páxinas pero podería ter 2.000.

Non nos quererá dicir que se vai pasar á música, porque seica tamén toca a guitarra.
Si, tamén toco. E estou recuperando ao músico que sempre quixen ser. Estou compoñendo e creo para o ano que ver tamén vai haber algunha sorpresa bonita. Pero polo de agora non debo dicir máis.

Pero non aparcará as novelas, non? Ten algún proxecto en mente?
Si, si. Eu son escritor e morrerei sendo escritor, pero quero darme a min mesmo a oportunidade de ser músico tamén. Neste momento levo aproximadamente a metade dunha novela diferente a todo o que levo escrito ata o de agora. Tampouco me gusta falar das novelas antes de rematalas. Digamos que é unha novela que para variar (con retranca) se vai ocupar de temas de índole social e que me preocupan e que quero denunciar a través dos meus libros.

Comentarios