martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

Esdemga e o Lérez fanse internacionais

A curta outorga especial protagonismo ás coleccións de catro egresadas de Esdemga. CEDIDA
A curta outorga especial protagonismo ás coleccións de catro egresadas de Esdemga. CEDIDA
O filme Hydra naceu dun obradoiro de Novos Cinemas e leva ata o Canadian Interntional Fashion Film as coleccións de catro egresadas

Os días 26 e 27 de outubro desenvolverase, de xeito virtual por mor da crise sanitaria, unha nova edición do Canadian Interntional Fashion Film Festival (Canifff), un evento especializado nunha serie de pezas audiovisuais nas que a moda e o vestiario teñen un papel protagonista. Ese é o caso de Hydra, unha curtametraxe realizada pola alumna de doutoramento da Facultade de Belas Artes Ana Pérez Valdés, que foi unha das seleccionadas polo xurado para formar parte da sección oficial deste festival internacional. A curta foi realizada no 2018 no marco dun obradoiro impartido polo cineasta Eloy Enciso e impulsado pola Vicerreitoría do campus e o festival Novos Cinemas, no que as e os participantes debían crear curtas inspiradas na contorna do río Lérez. As ruínas do antigo balneario foron neste caso o escenario principal dunha peza que outorgaba un papel protagonista a unha serie de creacións téxtiles que catro egresadas de Esdemga desenvolveran como parte dos proxectos de fin de estudos.

Eles mesmos seleccionaron a peza, foi unha sorepresa

"A verdade é que foi unha sorpresa, porque non cheguei a enviar ningunha curta, foron eles os que seleccionaron a peza", relata Pérez Valdés, que explica que, se ben se dera de alta na base de datos de directores e directoras deste festival con sede en Calgary, non chegara a remitir ningunha obra na convocatoria aberta para esta edición. "Que lles pareza interesante a peza e que a xente poida ir vendo o teu traballo é algo que está moi ben, porque ademais estou investigando neste ámbito e así podes ter certa visibilidade de cara ao futuro", recoñece a alumna de doutoramento, que centra a súa tese na relación entre cinema e moda e en como esta deu lugar á irrupción dun "novo xénero", os fashion films. Pérez Valdés pon de relevo a importancia de que nos últimos anos xurdisen, en París, Milán ou Berlín, festivais especializados neste xénero, nun principio ligado á publicidade, pero no que se insiren tamén outra serie de curtametraxes "máis experimentais", contribuíndo así a que os fashion films sexan vistos "como un produto cultural".

ESDEMGA E O RÍO LÉREZ. Outro dos aspectos que Pérez Valdés pon en valor desta selección é que permite "darlle certo percorrido a unha curta que non é só o meu traballo, senón o de toda a xente que me axudou". Neste punto, pon de relevo a colaboración das egresadas de Esdemga Miriam G. Calaza, Sara Vigo, Inti Nuñez e Andrea Flórez, non só cedendo as súas creacións téxtiles, senón axudando tamén nos labores de produción ou exercendo como actrices.

Hydra é un dos resultados finais do obradoiro Un camiño posible, no que Eloy Enciso guiou a dez estudantes do campus na creación dunhas curtas inspiradas no Lérez a partires "dunha serie de pautas que xa che dirixían dalgunha maneira a unha liña moito máis experimental", como lembra Pérez Valdés. Neste caso, "a experimentación sobre a transformación do corpo" constituía o eixo dunha curta rodada no antigo balneario, por ser este "un espazo construído polo home en medio dunha contorna natural, dedicado á saúde e ao coidado do corpo", que lle permitía indagar nos "conceptos nietzscheanos do apolíneo o dionisíaco como forzas enfrontadas". Nunha peza "moi sensorial, na que non hai diálogo", Pérez Valdés valeuse das creacións de Calaza, Vigo, Nuñez e Flórez para conformar "unha especie de fábula" na que amosar como os "corpos van mudando a través do vestiario", dando lugar a unha contraposición entre "o corpo exercitado e un corpo híbrido e cambiante", entre "a orde e o control e o que desborda e carece de fronteiras, como a natureza". 

Esdemga e o Lérez fanse internacionais
Comentarios