Cervexeiros e chefs repártense a Alameda

A xornada central do festival Ferve inclúe os concertos de Guadi Galego, Marilia Monzón e a Banda de Late Motiv ▶ O evento de Estrella Galicia e Esmerarte péchase este domingo con Xoel López
Servizo de petiscos no festival Ferve. RAFA FARIÑA
photo_camera Servizo de petiscos no festival Ferve. RAFA FARIÑA

Unha conversa sobre ciencia e gastronomía entre o chef Pepe Solla, un dos padriños do evento, e a xornalista Teresa Cuíñas inaugurou este sábado a xornada central do festival Ferve, que organizan conxuntamente a marca de cervexa Estrella Galicia e a promotora musical Esmerarte, e que se celebra durante toda a fin de semana na Alameda de Pontevedra.

Centos de persoas foron pasando ao longo do sábado polas instalacións do festival, que é de acceso libre e gratuíto (aínda que se require de inscrición previa na web para participar nalgúns obradoiros) e que rexistrou picos de asistencia durante os concertos. O sábado subiron ao escenario Guadi Galego (ao mediodía) e Marilia Monzón e a Banda de Late Motiv (á noite). O venres fixérao Baiuca, que pechou desta maneira, en Pontevedra, os seus concertos en Galicia este ano. Este domingo clausurará as actuacións musicais Xoel López ás dúas da tarde.

Concerto de Guadi Galego no festival Ferve. RAFA FARIÑA
Concerto de Guadi Galego no festival Ferve. RAFA FARIÑA

Ademais de conferencias de distintos chefs, como Javier Olleros ou Pepe Vieira, e de concertos, o festival, que se anuncia como unha proposta que mestura cultura da cervexa, gastronomía e música, tamén acolle catas de cervexa a cegas, obradoiros de tiraxe de cervexa, obradoiros sobre a elaboración de Estrella Galicia e showcookings de cociñeiros como Héctor López, Diego Guerrero ou Iñaki Bretal.

"Parécenos unha iniciativa moi interesante que permite acceder a unha cociña máis elaborada", contaba, ao mediodía, unha asistente, Tamara Fernández. "Por agora probamos tres dos petiscos e o que máis nos gustou foi o do cociñeiro brasileiro Juliano Valese, que era pan de queixo con porco. Boísimo. Os outros eran moi semellantes: uns brioches con gamba e con carabineiro". 

Entre os aspectos positivos do evento, os asistentes destacaban a escolla do espazo da Alameda; entre os negativos, o prezo da cana

Como ela, moitos asistentes decidiron probar varias das elaboracións de chefs convidados, como Yayo Daporta ou Beatriz Sotelo, que se servían en momentos puntuais nas barras do festival. Anunciábanse como petiscos de autor, aínda que máis ben eran pequenas racións. "O ambiente está sendo perfecto, coa xente xusta, sen agobios. E a Alameda é un espazo fantástico para isto. Para nós Estrella Galicia atinou. Moi boa iniciativa. Oxalá se repita", concluía Tamara Fernández.

Obradoiro de tiraxe de cervexa no festival Ferve. RAFA FARIÑA
Obradoiro de tiraxe de cervexa no festival Ferve. RAFA FARIÑA

Esa referencia súa á Alameda era unha das cuestións que máis se repetía entre a xente á hora de valorar o Ferve. "Acabamos de chegar, pero estanos gustando moito. O sitio que escolleron está xenial e os postos e os talleres parecéronnos moi chulos", dicía outro asistente, Antón Fernández. Neste caso, el viña directamente a ver o concerto de Guadi Galego, coa intención de repetir hoxe, tamén ao mediodía, cando clausurase o evento Xoel López. "Estas cousas están moi ben en xeral. Son divertidas, animan a cidade, traen xente a fin de semana a Pontevedra...". Unha única pega: os prezos. "O prezo da cana é de 3 euros máis 1 euro, que tes que pagar polo vaso. Podía ser un chisquiño máis económico. Polo demais, todo perfecto. Que se repita o evento".

A cuestión do prezo da cana, por veces mesturada co do prezo do petisco, tamén de 4 euros, era mencionada entre o público a modo de crítica. Unha parella facía referencia ao paradoxo de que se decían ir tomar a cervexa ao Cafetín (o restaurante que está na memsa Alameda) lle saía máis económica (2,5 euros), incluso tomándoa na terraza, e tiñan pincho de balde.

Para Eva González, de Carabuñas, é moi chulo que se lles fixese un sitio aquí a empresas que apostan polo rural e polo ecolóxico

No plano positivo do Ferve, ademais da escolla da Alameda, entre o público tamén se mencionaba a instalación dun Mercado da Colleita, con marcas galegas como a sidra Maeloc (que pertence á corporación Hijos de Rivera), os elaborados veganos Calabizo, os postres Verso, as infusións Orballo ou os produtos Carabuñas, realizados a partir do sabugueiro. Eva González é socia de Carabuñas. "A nós pareceunos unha idea xenial a deste festival. Polo formato, por esta mestura de música galega con cociña, tamén galega, e con postos como o noso. É moi chulo que esteamos aquí empresas que apostamos polo rural galego, pola produción ecolóxica, polo respecto pola xente e pola cultura. Ademais, na Alameda de Pontevedra, que é un sitio fermosísimo para facer algo así", explica. "Nós apuntámonos dende o primeiro momento porque encaixa perfectamente coa nosa filosofía. Se se volve facer, repetiremos seguro. Non podemos dicir que non".