"Esta é a lección maxistral dos que loitaron por crear un mundo xusto"

O Concello de Pontevedra celebrou no Teatro Principal unha homenaxe aos mestres e mestras que sufriron a represión franquista

Recreación do cadro A derradeira leición do mestre na homenaxe celebrada no Teatro Principal. A MEMORIA DAS MULLERES
photo_camera Recreación do cadro 'A derradeira leición do mestre' no acto celebrado no Teatro Principal. A MEMORIA DAS MULLERES

«Este non é un acto triste, esta é a lección maxistral dos que nos albores do século XX loitaron por crear unha sociedade xusta». Con esta declaración de intencións comezou un acto teatralizado no que se representaron escenas da vida cotiá dos mestres da época da II República. Eles foron os protagonistas da homenaxe que celebrou este mércores o Concello de Pontevedra no Teatro Principal. O acto enmárcase nas actividades que a cidade acolle ao longo do mes de novembro vencelladas coa memoria histórica e a dignificación dos represaliados.

Deste xeito, despois de edicións adicadas ás familias obreiras e campesiñas, ás mulleres ou aos traballadores públicos, este mércores o Concello homenaxeou a figuras como Ernestina Otero, directora da Escola Normal, na que se formaron novas xeracións de mestres e mestras que foron duramente perseguidos e depurados tras o Golpe de Estado. Por outra parte, tamén houbo recoñecementos para a Escuela Nueva de Hernán Poza, unha institución que instruíu a varias xeracións con métodos pedagóxicos moi avanzados durante a II República.

E é que esta época trouxo numerosos avances no eido da pedagoxía, coa creación de novas escolas, o recoñecemento e a profesionalización dos ensinantes, a introdución de novos métodos pedagóxicos ou o laicismo nas aulas, medidas que se tomaron nun contexto social no que a meirande parte da poboación galega era analfabeta.

Todos estes avances botáronse a perder tras o alzamento fascista, que castigou especialmente aos mestres e todo o que tiña que ver coa escola republicana, tal e como se explicou no acto do mércores. Así, no encontro lembrouse a profesores asasinados como Germán Adrio, José Meis, Eduardo Muíños, Benigno Rey, Alfonso Rodríguez, Gonzalo Martín, Mercedes Romero ou María Vázquez. Por outra parte, recordouse tamén a mestras que foron rapadas, expedientadas, depuradas ou exiliadas, como Ernestina Otero.

«O Franquismo, como todos os fascismos, converteu a escola libre en inimiga e impuxo o pensamento único, que aínda perdura», denunciou a condutora do acto.

Comentarios