"Estamos a punto de vivir un novo rexurdimento na arquitectura"

Para Anselmo Villanueva sobran prexuízos e falta sentido común á hora de enfrontar a arquitectura actual que, ademais, segundo cre, está nun momento de cambio. Este luns, o actual presidente do COAG-Pontevedra leu o manifesto do Día da Arquitectura no Mercado de Abastos.
O presidente do COAG-Pontevedra, Anselmo Villanueva. RAFA FARIÑA
photo_camera O presidente do COAG-Pontevedra, Anselmo Villanueva. RAFA FARIÑA

O marinense que preside a Delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) dende 2019, Anselmo Villanueva inaugurou este luns, no Mercado de Abastos, a exposición coa que a institución se sumou á celebración do Día Mundial da Arquitectura. Alí leu o manifesto da xornada.

Para festexar esta data, a delegación de Pontevedra convocou o seu primeiro concurso de debuxo infantil. Pedíronlle á cativada que debuxe unha supercasa. 
Parécenos moi importante espertar o interese das crianzas pola arquitectura. A súa é sempre unha ollada limpa e sen prexuízos. Ademais, esta é a cidade dos nenos, como di o pensador Francesco Tonucci. Igual que teñen que opinar sobre as cidades nas que queren vivir tamén teñan que poder decidir sobre a casa na que habitan.

Como sería a súa supercasa se tivese que debuxala?
Seguramente unha casa de liñas sinxelas. E unha casa temporal, que me permitise vivir moitos anos nela, onde os meus sentidos se puidesen potenciar para poder enfrontar un futuro mellor. Ante esta pregunta, o primeiro que se me vén á cabeza é Adolf Loos, un arquitecto austríaco de entre séculos que me gusta moito e que recibía cartas dos seus clientes agradecéndolle o traballo, sinalándolle a cantidade de tempo que levaban vivindo encantados nas casas que lles deseñaba e cousas así. Que cousa máis bonita esa! Pero, ves? A min fasme esta pregunta e xa busco referentes coñecidos. Temos unha mentalidade demasiado condicionada. Por iso decidimos invitar aos nenos e nenas a debuxar as casas coas que soñan con total liberdade.

Este ano conmemórase o Día da Arquitectura co lema Deseño para a saúde. Ata que punto é importante a arquitectura en relación coa saúde das persoas ou do medio ambiente?
Moi importante. Debemos ter máis en conta que nunca como habitamos a terra que nos acolle e como nos asentamos nela. É necesario reflexionar sobre se é respectuosa a forma na que ocupamos o espazo e se é sensible ante os condicionantes que nos presenta. Se temos en conta todo isto, está claro que se nos vai responder de forma que vai ser moito mellor a nosa saúde.

Debemos ter máis en conta que nunca como habitamos a terra que nos acolle e como nos asentamos nela

Fálase moito nos últimos tempos das posibilidades que ofrece a bioconstrución [construcións con baixo impacto ambiental e con materiais considerados ecolóxicos]. Pode ir por aí o futuro da arquitectura?
Eu entendo que a bioconstrución é unha forma de facer arquitectura tan atinada como pode ser outra. É dicir, non creo que haxa unha única forma válida de facer arquitectura. O que si que debe ser a arquitectura é sostible. Ten que ser un eido no que se aplique o sentido común e onde se reflexione moito e ben sobre os materiais que se usan, onde se usan, que prezo teñen e que valor achegarán á construción final. Hai que poñer todo isto nunha balanza e, despois de sopesalo, sairá unha boa arquitectura. 

Que retos máis importantes son os que enfronta a arquitectura galega tras a pandemia? Cambiaron en algo os criterios á hora de construír despois do acontecido nos dous últimos anos?
Eu creo que si, que a pandemia influíu moito na arquitectura. Estou convencido de que agora mesmo vivimos unha época de transición. Estamos a punto de vivir un novo rexurdimento da arquitectura, pero aínda estamos nese momento no que non se sabe cara onde se vai ir. Pero igual que houbo un Renacemento nos séculos XV e XVI, haberá pronto un novo ismo, un novo cambio, veremos cara onde. Do que precisamos, insisto, é de moita reflexión e de moito sentido común á hora de traballar. Non podes encher a boca dicindo que empregas materiais ecolóxicos, se despois resulta que se producen a 10.000 kilómetros de aquí, por exemplo. Porque o que si está claro e o que si sabemos seguro é que hai que coidar desa saúde e desa forma na como nos asentamos na terra. Creo que neste punto tamén conviña reler moitos dos tratados dos antigos sobre arquitectura, tanto gregos como romanos, por exemplo. Porque neles hai unha previsión de traballo, unha lóxica de materiais e de aplicacións, unha análise da relación do ser humano coa arquitectura e unha serie de cuestións ás que penso que deberiamos volver. Porque o que nos fai falta, repito, é deixar de lado prexuízos e ter máis sentido común.

Exposición, concurso e conferencias
Inauguración da exposición do COAG no Mercado de Abastos. RAFA FARIÑA
Inauguración da exposición do COAG no Mercado de Abastos. RAFA FARIÑA
"Os retos son inxentes, complexos e esixen a complicidade de profesionais, administracións públicas e da iniciativa privada para planificar e construír ese futuro mellor, ao que todos aspiramos e ao que os arquitectos e arquitectas queren contribuír, de forma activa, con todo o seu coñecemento técnico e humanístico ,para avanzar cara a unha sociedade máis saudable, xusta e sostible sen renunciar á beleza, tal e como prescriben a Declaración de Davos, a Nova Bauhaus Europea e a Lei de Calidade da Arquitectura". Así rematou o manifesto do COAG polo Día da Arquitectura (que oficialmente se celebra o 1 de outubro) que leu Anselmo Villanueva, este luns, no Mercado de Abastos. O presidente do COAG-Pontevedra estivo acompañado por un grupo de arquitectos da cidade, entre os que estaba César Portela (Premio Nacional de Arquitectura), e por tres concelleiros: Xaquín Moreda, Yoya Blanco e Iván Puentes.

Esa lectura era a primeira actividade dunha programación construída arredor da data conmemorativa por parte do COAG-Pontevedra. A segunda era a inauguración da exposición Obras galegas premiadas na XV Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, que se poderá visitar no espazo gastronómico do Mercado ata o 3 de novembro.  Está formada por fotografías dos cinco traballos que foron recoñecidos nesa Bienal: o Banco do Piñeiro no miradoiro da Pedra da Ra (Ribeira, A Coruña), a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar en Miraflores (Muros, A Coruña), a estrutura efémera Tribuna Pública (A Coruña), o Complexo Turístico de Albeida (Outes, A Coruña) e a intervención no campo de fútbol de A Gandareira (Silleda).

A programación inclúe tamén a convocatoria dun concurso de debuxo infantil. Leva por título A supercasa e está dirixido a alumnado de Primaria. O presidente do xurado será o ilustrador de Bueu Luís Davila. A maiores, celebrarase unha conferencia do arquitecto portugués Gonzalo Byrne o 10 de novembro (19.30 horas, entrada libre) na Casa das Campás. Ademais, ao longo de novembro, haberá unha nova edición do ciclo Triálogos de Arquitectura, no que tres estudos expoñen o seu traballo. Neste caso leva por título A casa sa, en consonancia co lema do Día da Arquitectura deste ano, Deseño para a saúde.

Comentarios