Estes son os 22 finalistas dos Premios Youtubeiras 2022

A gala de entrega celebrarase en Carballo o 28 de xaneiro
Finalistas dos Premios Youtubeiras
photo_camera Finalistas dos Premios Youtubeiras

Os Premios Youtubeiras, organizados polos servizos de normalización lingüística de doce concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, xa teñen finalistas para os seus oito premios. En total, 22 serán as propostas que disputarán os galardóns desta sexta edición, que dará a coñecer o seu palmarés o vindeiro sábado, 28 de xaneiro. Ese día, o Pazo da Cultura de Carballo acollerá a gala de entrega dos Premios Youtubeiras. A actriz e narradora oral Cristina Collazo será a presentadora e Laura Lamontagne & PicoAmperio encargaranse de lle pór música ao evento. 

A organización de Youtubeiras destaca a concorrencia acadada neste 2022. Presentáronse a concurso 74 canles. Cómpre salientar que 45 delas non se inscribiran con anterioridade aos premios e gran parte son de recente creación. A cifra deste ano duplica a que se logrou en 2021, edición na que se postularon 38 canles.  A estes datos hai que lles sumar as 39 canles que foron propostas por usuarios e usuarias das redes sociais para o Premio do Público. Dende o punto de vista cualitativo, a organización e o xurado sinala o alto nivel técnico que se rexistrou, así como a diversidade temática, o amplo rango de idades das persoas participantes e o potencial para se converteren en referentes da rede galega. Ano a ano, a comunidade creadora de contidos no Youtube no noso idioma medra en todos os sentidos, fornécese de novas voces que abordan todo tipo de materias e continúa a innovar con novos formatos.  

O xurado desta sexta edición dos Premios Youtubeiras está conformado por Mario Brión (Olaxonmario), gañador do Premio ao Youtubeira/o do ano na edición anterior; Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de Youtubeiras nas primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías; Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina Galega en Galego, e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o seu cambio de lingua a través de Twitter no ano 2018. Tras unha complexa deliberación, decidiuse escoller como finalistas do Premio Youtubeira/o do ano a Anxo Sánchez, neeumatiko e La Bisonte. Na categoría de Canle, as finalistas son Toxío, Tonio Cociña Galega e Fica coa bola.

O galardón de Youtubeira/o Revelación disputarase entre Marcos Borrageros, Histérikas Histórikas e Falemos do Reino de Galicia, mentres que o premio ao mellor Vídeo decidirase entre A Moura, de Contos de Santalla, Bury your gays (Enterra os teus homosexuais) - Investigación documental, de Henfunk Studio, e Eduardita, de Piratas sen parche. 

O galardón á Calidade Lingüística conta como finalistas con Falemos do Reino de Galicia,  Webserie Cóntallo a Cambados e Media Laranxa, mentres que o Premio Pioneiro decidirase entre Noticias Dispersas, Gallifrey Ceive e Pingando-Laura Veiga. O Premio Rede, destinado a aquelas canles coa capacidade de tecer comunidade, disputarase entre Proxecto R.E.D.E.S, A Lobeira today e Exército Mekemeke. 

Por último, as persoas finalistas ao Premio do Público son BEMBIBRE coas Tanxugueiras, de Xabi Gómez; Mitos e ritos do tempo de Defuntos. Conversa con Lidia Mariño, da canle Orgullo Galego, e Eduardita, de Piratas sen parche. Precisamente o vídeo Eduardita, de Piratas sen parche, aspira a facerse con dous galardóns (Premio do Público e Vídeo), igual que Falemos do Reino de Galicia (Youtubeira/o Revelación e Calidade Lingüística). 

7.500 euros en premios

Os Premios Youtubeiras repartirán este ano 7.500 euros. Cada un dos galardóns conta cunha dotación económica de 1.000 euros, agás o Premio do Público, cuxa contía ascende a 500 euros. Será o xurado quen decida finalmente a proposta gañadora en todas as categorías, excepto no Premio do Público. Este galardón concédese por votación popular a través de medios dixitais e o xurado limitarase a dar fe do reconto. 

Relación de finalistas por categorías

1. PREMIO CANLE 

Toxío: https://www.youtube.com/@toxio 
Tonio Cociña Galega: https://www.youtube.com/@TonioCocinaGalega 
Fica Coa Bola: https://www.youtube.com/@ficacoabola 

2. PREMIO YOUTUBEIRA

Anxo Sánchez: https://www.youtube.com/@AnxoSanchez 
Neeumátiko: https://www.youtube.com/c/neeumatiko 
La Bisonte: https://www.youtube.com/@LaBisonte   

3. PREMIO VÍDEO

‘A Moura’, da canle Contos de Santalla: 
https://www.youtube.com/watch?v=l06mWqUkccA&ab_channel=ContosdeSantalla 
‘Bury your gays (Enterra aos teus homosexuais)’, de Henfunk Studio 
https://www.youtube.com/watch?v=I6xrtlCh4Ak&ab_channel=HenfunkStudio 
‘Eduardita’, de Piratas sen parche
https://www.youtube.com/watch?v=yRiNWfSvcnE&ab_channel=Piratassenparche 

4.YOUTUBEIRA/O REVELACIÓN

Marcos Borragueros: https://www.youtube.com/@marcosborrageros 
Histérikas Histórikas: https://www.youtube.com/@histerikashistorikas8593 
Falemos do Reino de Galicia: https://www.youtube.com/@falemosdoreinodegalicia 

5. PREMIO CALIDADE LINGÜÍSTICA 

Media Laranxa:  https://www.youtube.com/@medialaranxa8828 
Falemos do Reino de Galicia: https://www.youtube.com/@falemosdoreinodegalicia 
Webserie Cóntallo a Cambados: https://www.youtube.com/@webseriecontalloacambados5419 

6. PREMIO PIONEIRO

Noticia dispersas: https://www.youtube.com/@NoticiasDispersas 
Gallifrey Ceive: https://www.youtube.com/@gallifreyceive 
Pingado Laura Veiga: https://www.youtube.com/@pingando_gal 

7 PREMIO REDES

Proxecto R.E.D.E.S. https://www.youtube.com/@proxectoredes 
A Lobeira Today: https://www.youtube.com/@aLobeiratoday 
Exército Mekemeke: https://www.youtube.com/@exercitomekemeke 

8. PREMIO DO PÚBLICO

‘Bembibre coas Tanxugueiras’, de Xabi Gómez e Sara:
https://www.youtube.com/watch?v=I7w2jtY78rI&ab_channel=XabiG%C3%B3mez 
‘Mitos e ritos do tempo de Defuntos. Conversa con Lidia Mariño’, de Orgullo Galego: 
https://www.youtube.com/watch?v=wfsgyutRTyo&ab_channel=OrgulloGalego 
‘Eduardita’, de Piratas sen parche
https://www.youtube.com/watch?v=yRiNWfSvcnE&ab_channel=Piratassenparche