Seis estudantes de posgrao de Belas Artes súmanse a unha exposición de creadores emerxentes

Arte, natureza e territorio son os eixos temáticos da II Residencia de creadores emerxentes Interaccións Artísticas en Galicia, que nestes días reúne 28 estudantes das tres universidades galegas e dos conservatorios superiores de música de Vigo e A Coruña no Pazo de Mariñán (Bergondo), nun encontro que busca abordar o proceso creativo contemporáneo desde a reflexión teórica, a materialización de propostas e a colaboración entre distintas disciplinas.

Enmarcada no convenio asinado entre as tres universidades galegas, a Real Academia Galega de Belas Artes e os conservatorios e organizada coa colaboración da Deputación da Coruña, nesta residencia participan seis estudantes de posgrao da Facultade de Belas Artes, que ademais de expor no pazo unha serie de obras, desenvolven unha serie de propostas artísticas nas que buscan sumar a interacción con estudantes de disciplinas como arquitectura, danza e expresión corporal, música e didáctica. Son Andrea Torres, Alejandra Lago, Marijo Sampedro, Rocío Osorio, Román Corbato e Alexandra R. Rey.

O obxectivo deste encontro "é que artistas emerxentes se coñezan entre eles e que poidan xurdir proxectos conxuntos", explica o profesor emérito da Facultade de Belas Artes Juan Fernando de Laiglesia. Belas Artes, que xa participara na primeira edición desta residencia en 2018 baixo a coordinación de Anne Heyvaert, sumou desta volta á residencia unha exposición integrada por unha serie de obras previamente desenvolvidas e vinculadas aos eixos temáticos desta edición.

Comentarios