"Eu teño que escribir do que me conmove"

Charo Valcárcel, neta de Bernardo Mato, mestra durante máis de 30 anos no IES Valle-Inclán, vén de debutar na literatura co poemario Cando os bosques sintan frío
A escritora Charo Valcárcel en Pontevedra. ANXO LORENZO
photo_camera A escritora Charo Valcárcel en Pontevedra. ANXO LORENZO

Despois de media vida ensinando lingua e literatura galegas, Charo Valcárcel (Vinseiro, A Estrada, 1960) vén de publicar o seu primeiro poemario, Cando os bosques sintan frío (Medulia Editorial, 2022). "É un pouco tópico dicir que escribo dende sempre, pero é que é verdade. Fágoo dende nena", explica. "O que pasa é que sempre tiven moito pudor á hora de ensinalo. Dábame vergoña".

Estradense afincada en Poio; neta do mestre represaliado Bernardo Mato e nai dos autores Iria e Adrián Morgade; mestra xubilada despois de máis de 30 anos dando clase no IES Valle-Inclán, e unha das persoas que está detrás do proxecto dixital devellabella.com, entre outras cousas, Charo Valcárcel recoñece que mentres se dedicou á ensinanza non tiña tempo para escribir. "Sempre seguín escribindo, pero a realidade é que tiña a cabeza noutras cousas". 

Ata que se cruzou no seu camiño o escritor ourensán Antón Riveiro Coello. "El non quere que o diga, pero é realmente o meu padriño literario". A autora contactou con Riveiro Coello a través das redes. Gustáralle moito Laura no deserto (Galaxia, 2011) e fíxolle un comentario ao respecto. "A partir de aí foi que lle enviei, primeiro, un poema inspirado nun libro seu, A canción de Sálvora (A Nosa Terra, 2002), e despois uns relatos. A resposta foi marabillosa. Animoume moitísimo. Díxome o que necesitaba oír estando como estaba tan insegura. Porque eu non sabía se o que estaba escribindo valía. Quizais me estaba empeñando en algo para o que non servía. Unha escribe porque lle gusta, pero tamén necesita que alguén lle diga que está ben. A min faltábame iso ata que chegou Riveiro Coello. Sen o ánimo que el me deu, probablemente tería tirado a toalla".

Antón Riveiro Coello non quere que o diga, pero é realmente o meu padriño literario

Cando se xubilou do ensino, foi cando lle deu voltas en serio á idea de publicar algo. "Pensei: teño 60 anos, se agora non intento publicar algo, quizais xa non o faga". A súa primeira idea foi autopublicar. "Pero a miña filla animoume a mirar se lle interesaba o que facía a algunha editorial". Interesoulle a Medulia. "De verdade que non o podía crer cando me dixeron que si". Seleccionou os poemas dos que estaba máis satisfeita e compuxo unha obra heteroxénea, dividida en sete partes, que titulou Cando os bosques sintan frío.

Charo Valcárcel fala nos seus versos da perda, da morte, do papel da muller na sociedade, do maltrato, da tiranía e das inxustizas. "Eu teño que escribir do que me conmove".

Un dos poemas do libro está dedicado ao seu avó, Bernardo Mato, unha figura que descubriu hai un tempo e que levou á súa familia a sumarse á querela arxentina contra os crimes do franquismo. "Meu avó era un mestre da República moi querido, do que na miña familia descoñeciamos practicamente todo. Miña avoa nunca lle contou á miña nai o que lle sucedera. Para todos morrera enfermo na cama". 

Meu avó foi asasinado cando a miña nai tiña tres anos. Tiña que escribir sobre iso, sobre as bágoas de miña nai, que chorou por non ter pai

Bernardo Mato era mestre en Teo cando os militares se sublevaron en 1936. Decidiu refuxiarse na súa casa, en Vinseiro. De camiño foi interceptado por un grupo de falanxistas que o golpearon ata deixalo inconsciente. Dous meses despois faleceu na casa dos seus pais a causa da malleira. "Xoán Carlos Garrido foi quen recuperou esta historia mentres escribía sobre os mestres republicanos da Estrada. Foi quen nos empeceu a abrir os ollos". A partir de aí recuperaron a memoria do home que lles faltou tanto a ela como á súa nai. "Meu avó foi asasinado cando a miña nai tiña tres anos. Tiña que escribir sobre iso, sobre as bágoas de miña nai, que chorou por non ter pai; sobre por que nos negaron a súa memoria".

A fin de semana pasada, Charo Valcárcel estivo na Festa dos Libros da Ferrería. Antes xa fixera presentacións do libro en Pontevedra, en Vigo, en Vilagarcía, en Santiago, na Estrada... "E aínda me falta unha: en Bueu. E estarei na Feira do Libro da Coruña".

A autora segue escribindo coa intención de volver publicar. Este activismo literario está moi relacionado co que promove o blog De vella a bella, no que ela participa. "É unha iniciativa de Ana Santos, que é megatraballadora. Cando nos xubilamos foi ela a que nos dixo a varios de nós que tiñamos que facer algo xuntos. Todos tiñamos clarísimo que non iamos quedar no sofá vendo a televisión. Este blog foi o camiño".

Comentarios