Eva Mejuto, Isaac Xubín, Lucía Novas e Kalandraka, nomeados aos premios da Gala do Libro Galego

Xosé Álvarez Castro opta a un galardón ao participar en 'Os nomes do terror' e Luís Davila faino na categoría de libro de banda deseñada

A editorial pontevedresa Kalandraka opta a seis galardóns na próxima Gala do Libro Galego. Así o vén de facer público a organización deste evento, promovido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia, que pretende recoñecer o mellor do ano no ámbito literario galego. O selo da capital da provincia opta a premios nas categorías de libro ilustrado (A horta de Simón), iniciativa bibliográfica (Colección Biblioteca de Teatro), tradución (A hora de espertarmos xuntos), poesía (Cervatos), teatro (Río Bravo) e libro mellor editado (Pippi Mediaslongas).

En varios destes traballos de Kalandraka hai implicados autores pontevedreses. Así, a mellor tradución opta Isaac Xubín, encargado de levar ao galego o texto orixinal de A hora de espertarmos xuntos, de Kirmen Uribe. De igual maneira, como mellor título de poesía está nomeado Cervatos, da buenense Lucía Novas.

22 SEGUNDOS. Outros autores pontevedreses que optan a facerse con premios na III Gala do Libro Galego, que se celebrará o 19 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela, son Eva Mejuto, Xosé Álvarez Castro e Luís Davila. A primeira, de Sanxenxo, está nomeada na categoría de mellor libro de ámbito xuvenil, polo seu debut na novela, 22 segundos. O pontevedrés Álvarez Castro aparece entre os nomeados por un traballo de divulgación, no seu caso por ser un dos coordinadores do traballo colectivo Os nomes do terror. Galiza, 1936. Finalmente, entre os finalistas aos recoñecementos tamén está o debuxante Luís Davila, de Bueu, por O Bichero VI, no apartado de libro de banda deseñada.

Outros autores da provincia nomeados son a viguesa Ledicia Costas ou o vilagarcián Marcos Calveiro.

Comentarios