"A lectura é un acubillo, un refuxio"

A escritora Eva Mejuto e a ilustradora Bea Gregores publican o álbum Cando leo, "unha homenaxe aos libros en todas as súas dimensións" ▶ A obra preséntase este sábado no Museo de Pontevedra
 
A escritora e xornalista Eva Mejuto. DAVID FREIRE
photo_camera A escritora e xornalista Eva Mejuto. DAVID FREIRE

"Cando leo todo é posible". É o inicio de Cando leo (Xerais, 2022), o álbum ilustrado que acaban de publicar a escritora Eva Mejuto (Sanxenxo, 1975) e a ilustradora Bea Gregores (Vigo, 1995). A obra preséntase este sábado (12.30 horas) nun acto aberto ao público, que terá lugar no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra e que contará coa actuación musical de Noite e Manu. "A literatura e os libros sempre foron un lugar de acubillo, de refuxio, un punto de encontro comigo mesma e co mundo", conta Mejuto, que desvela que esta historia naceu no confinamento. "Foi aí, onde paramos de verdade, onde tivemos tempo para volver facer cousas que nos gustaban, cando eu aproveitei para ler e reler cousas que me apetecía ou que tiña pendentes, como o último libro de Almudena Grandes".

Portada do álbum 'Cando leo', de Eva Mejuto e Bea Gregores.
Portada do álbum 'Cando leo'.

A partir desa experiencia persoal é que nace Cando leo. "Eu penso que durante o confinamento o libro tivo unha resignificación nas nosas vidas. Aquel parón supuxo para min un reencontro coa lectura", segue explicando. "Foi así como me apeteceu facerlle unha homenaxe ao libro e a lectura en todas as súas dimensións: humana, persoal, social, política, histórica...".

Para completar o seu texto, case un poema, Mejuto pensou en Bea Gregores. Esta é a terceira vez na que escritora e ilustradora colaboran tras A lavandeira de San Simón (Xerais, 2020) e Neko (Oqueleo, 2021). "Para min traballar con Bea é un luxazo. A pesar de ter con ela unha diferenza de idade importante, temos unha sintonía moi grande. E cando fas un álbum é necesario que exista esa conexión".

Eu creo que se nota o corazón que lle puxemos. A nosa experiencia vital e as nosas tripas están aí

"Cando leo non hai portas", segue o conto. "É verdade que as miñas palabras son moi contidas, están como moi medidas, pero detrás teñen moita cousa. Iso levounos a falar moitísimo a Bea e a min". Mejuto di que a ilustradora non só captou todo o que ela desexaba contar no álbum senón que incluso o ampliou con imaxes que agrandan o significado do que se di. «Foi unha creación a catro mans súper bonita, feita ademais nun momento moi especial".

A escritora recoñece que a fusión que se dá entre o seu texto e as ilustracións de Gregores "foi unha destas cousas máxicas que pasan de cando en vez". E engade: "Eu creo que se nota o corazón que lle puxemos. A nosa experiencia vital e as nosas tripas están aí". Neste sentido, Eva Mejuto confesa que, despois de traballar durante 25 anos con libros ilustrados, este é probablemente o seu proxecto máis íntimo. "Nel hai moito de min e da miña forma de entender o mundo. E tamén moitas homenaxes".

A lectura, a pesar de que comeza sendo un acto solitario, acaba sendo solidario

Efectivamente, a obra inclúe chiscadelas para os lectores máis agudos, que recoñecerán as homenaxes a Onde viven os monstros ou A bibliotecaria de Basora. "Igual que hai referencias á queima de libros nos réximes totalitaristas ou á identidade de xénero. En definitiva, aparece, ademais da dimensión máis íntima ou emocional dos libros, a dimensión política: os libros como elemento para mudar o mundo".

Eva Mejuto cre firmemente nisto último. "Porque a lectura, a pesar de que comeza sendo un acto solitario, acaba sendo solidario, no sentido de que nos serve para encontrarnos co resto do mundo". Así o di no seu conto: "Porque cando lemos todo é posible".


FINALISTA DO PREMIO HACHE CON 22 SEGUNDOS
Xusto antes da presentación de Cando leo en Pontevedra, Eva Mejuto viaxou a Murcia. Esta semana mantivo alí un encontro con 1.400 escolares (de entre 12 e 14 anos) que leron un dos seus libros, 22 segundos. Porque con el é finalista do Premio Hache, que convoca a Concejalía de Juventud de Cartagena. 

"Faime unha ilusión terrible porque é un premio literario que votan 2.000 estudantes, que son os que escollen os libros finalistas e votan o que máis lles gusta". 22 segundos é unha novela dirixida ao público xuvenil no que Mejuto se achega á transexualidade. Os outros dous títulos finalistas do certame son João, de Paloma González Rubio, e El efecto Frankenstein, de Elia Barceló.

"A verdade é que isto é unha auténtica festa do libro, algo moi bestia. Ter diante a toda esa rapazada facéndoche preguntas sobre a historia que escribiches é algo moi emocionante", di a escritora, que recoñece que este título é moi especial para ela. "Cando o escribín pensei que non tería percorrido ningún, que daría medo tocar este tema... E mira".

Comentarios