O evento LGx15 chega a Pontevedra con charlas sobre dobraxe e cómic

Xiao Berlai será o encargado de poñerlle música á proposta, que terá lugar o 28 de outubro e que presentará Neves Rodríguez
Kiko da Silva, Anxos Sobriño, Demetrio Gómez e Neves Rodríguez na presentación das charlas LGx15 en Pontevedra. CONCELLO DE PONTEVEDRA
photo_camera Kiko da Silva, Anxos Sobriño, Demetrio Gómez e Neves Rodríguez na presentación das charlas LGx15 en Pontevedra. CONCELLO DE PONTEVEDRA

Paco Veiga, Carlos Airas, Magdalena Sánchez, Kiko da Silva e Fran da Lobeira protagonizarán a novena edición do LGx15, un evento que agrupa unha serie de charlas desenfadadas e breves, de 15 minutos, ao estilo das famosas TED, nas que se propoñen reflexións sobre o futuro do idioma a partir do que é o seu uso en distintos ámbitos profesionais. Pontevedra acollerá o 28 de outubro (19.00 horas), no Teatro Principal, a iniciativa, que fica gravada para despois ser difundida a través de plataformas dixitais e redes sociais. En Youtube hai 51 vídeos, entre eles, o do sociolingüista Manuel N. Singala, que leva 21.000 visualizacións e o da xornalista Belén Regueira, que leva 13.000. 

Xiao Berlai será o encargado de poñerlle música á proposta, que estará conducida por Neves Rodríguez. As entradas (que custarán 6 euros anticipadas e 10 euros no despacho de billetes) están á venda na web do proxecto e na Libraría Paz.

Anxos Sobriño: A través de voces autorizadas, trátase de difundir ideas que axuden a mellorar actitudes con respecto á lingua

"Do que se trata, en definitiva, é de, a través de voces autorizadas, difundir ideas que axuden a mellorar actitudes con respecto á lingua", sinalou a presidenta da Coordinadora de Traballadores/as da Normalización da Lingua (CTNL), Anxos Sobriño, que presentou o evento acompañada polo autor de banda deseñada (bd) Kiko da Silva, a comunicadora Neves Rodríguez e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez.

Sobriño avanzou tamén os temas que se tratarán. O mestre e pedagogo Paco Veiga, especialista en xogos tradicionais, falará do valor das palabras; o emprendedor no sector deportivo e cultural Carlos Airas (Aira Editorial, Espazo Bencomún), da súa experiencia persoal; a tradutora audiovisual Magdalena Sánchez do valor da dobraxe, e o youtubeiro e presidente da Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego, Fran da Lobeira, do uso da lingua en internet.

En vegliota

Xunto a eles estará Kiko da Silva falando do cómic galego. O propio autor contou que titulou a súa charla A bd que falaba vegliota en homenaxe á considerada primeira obra do xénero en galego, O home que falaba vegliota, de Raimundo Patiño e Xaquín Marín, publicado orixinalmente nos anos 70, "cando facer aglo así era unha temeridade", e reeditado recentemente pola editorial Elvira.

Kiko da Silva: Co interese polo cómic galego por parte dos selos xeralistas estamos ante un cambio de paradigma. Pero falar de industria é, por agora, ciencia ficción

Da Silva lembrou que ata hai pouco tempo o cómic galego era "unha trincheira" na que os propios autores eran os que estaban detrás das publicacións. "Agora estamos nun momento clave porque, por primeira vez, muda o panorama. Que os editores xeralistas se fixen na banda deseñada galega e publiquen a autores galegos en galego é un cambio de paradigma". Isto para o autor é algo fundamental porque, entre outras cousas, "significa que os dereitos de edición que ata agora ían para Euskadi, Cataluña, Francia ou Estados Unidos, fican en Galicia e, a partir de aquí, é cando poderiamos empezar a falar dunha industria do cómic, algo que polo momento é ciencia ficción".

Neves Rodríguez: A Televisión de Galicia é un terreo hostil para o galego e iso ten unha intencionalidade"

A actriz e comunicadora Neves Rodríguez, pola súa banda, apuntou que, ademais de conducir o evento, tamén o salpicará de anécdotas persoais acumuladas ao longo de 30 anos de traxectoria. Moi crítica coa situación actual da lingua nos medios públicos, dixo considerar "a Televisión de Galicia como un terreo hostil para o galego" e ligouno a unha "intencionalidade" que conviría analizar polo miúdo. Da mesma maneira convidou a facer unha reflexión colectiva sobre o momento actual do idioma, "nada primoroso", a pesar, segundo dixo, de datos contundentes sobre o valor do idioma como o recente informe do Consello da Cultura Galega onde se cifraba o impacto económico do galego en 1.400 millóns de euros. "Oxalá algún día este tipo de eventos non teña que facerse porque a cuestión do idioma estea totalmente normalizada".

Comentarios