Os eventos de Rías Baixas Fest reivindican a marca creada pola Deputación

As promotoras dos festivais destacan a "tremenda evolución" das sete iniciativas en materia de igualdade e sostibilidade 
Autoridades políticas e representantes dos festivais durante a presentacions dos Rías Baixas Fest. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Autoridades políticas e representantes dos festivais durante a presentación dos Rías Baixas Fest. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Marca creada en 2016 para agrupar aos festivais musicais da provincia que contan co apoio da Deputación de Pontevedra, a dos Rías Baixas Fest presentou este luns unha nova edición, que comezará co Vive Nigrán o 30 de xuño e rematará co Revenidas (Vilaxoán) no mes de setembro. Polo medio celebraranse o Portamérica (Portas), o Atlantic Fest (Vilagarcía), o Sinsal (Illa de San Simón), o SonRías Baixas (Bueu) e o Marisquiño (Vigo).

A deputada provincial de Turismo en funcións, Ana Laura Iglesias, e representantes tanto das promotoras dos festivais como dos concellos onde se celebran os eventos, reivindicaron a marca e analizaron o que supuxo para os distintos festivais nunha presentación que contou coa actuación da cantante Zeltia Irevire.

Xoán Quintáns: Pasamos de carteis 100% masculinos en 2016 a moitos carteis paritarios

Xoán Quintáns, do festival Revenidas, fixo de voceiro das promotoras dos festivais, facendo fincapé na "tremenda evolución que vivimos os Rías Baixas Fest, desde que entramos nesta marca provincial, en valores como a igualdade ou a sostibilidade, nos que traballamos conxuntamente", en palabras facilitadas pola Deputación. Quintáns sinalou como, no ámbito da igualdade, "pasamos de carteis 100% masculinos en 2016 a moitos carteis paritarios" e como, no da sostibilidade, "a xestión de residuos e a aposta por produtos de quilómetro cero pasaron a ser un valor engadido, como na sardiñada de Vilaxoán ou nos viños con denominación de orixe da provincia nas barras". De igual maneira puxo en valor a evolución tecnolóxica "pasando de tíckets a pulseiras cashless" ou poñendo como exemplo o control tecnolóxico de capacidade. 

Pola súa banda, Ana Laura Iglesias, tamén en palabras facilitadas pola Deputación, lembrou que Rías Baixas Fest é "unha marca coa que nos posicionamos no panorama estatal". Segundo a deputada provincial en funcións, a iniciativa é hoxe "un éxito de todas e todos, administracións e sector, consolidada e coñecida a nivel internacional", ademais dunha referencia en aspectos como a sostibilidade, segundo asegurou. Recordou que esta foi "unha idea do sector que recollemos e grazas á cal conseguimos cousas moi relevantes". E rematou incidindo en que "os Rías Baixas Fest son o orgullo da provincia". Co mesmo obxectivo, a Deputación tamén creou en 2020 a marca Rías Baixas Film Fest, neste caso para promocionar conxuntamente os festivais de cine da provincia que contan co apoio da institución provincial.

Sobre os carteis dos eventos musicais deste verán, a maioría xa foron avanzados. Entre outros, no Vive Nigrán actuarán Los Enemigos e Nada Surf; no Portamérica, Deluxe, Sebastián Yatra e Bad Gyal, e no Atlantic Fest, Leiva e Viva Suecia. O cartel do Sinsal Son Estrella Galicia é segredo ata o mesmo momento no que se celebra. No SonRías Baixas estarán Boikot, Lendakaris Muertos, La Pegatina e Macaco, entre outros, e no Revenidas, Ska-P, Zoo, Heredeiros da Crus e Rodrigo Cuevas. A programación do Marisquiño inclúe todo tipo de actuacións de relacionadas coa cultura urbana.

TODOS OS EVENTOS
VIVE NIGRÁN 30 de xuño e 1 de xullo. Praia América. Web: vivenigran.com.
PORTAMÉRICA Do 13 ao 15 de xullo. Azucreira de Portas. Web: portamerica.es.
ATLANTIC FEST Do 20 ao 23 de xullo. Contorna da Praia da Concha en Vilagarcía de Arousa. Web: atlanticfest.com.
SINSAL Entre o 21 e o 23 de xullo. Illa de San Simón (Redondela). Web: festival.sins.al/es.
SONRÍAS BAIXAS Entre o 3 e o 5 de agosto. Bueu. Web: sonriasbaixas.info.
O MARISQUIÑO Do 10 ao 13 de agosto. Vigo. Web: www.omarisquiño.com.
REVENIDAS Do 7 ao 10 de setembro. Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa). Web: revenidas.com.

Comentarios