Falece aos 47 anos o director da Xove Sinfónica de Pontevedra, Daniel Portas

O pasamento do meañés, trombón da Banda de Música de Compostela, causa unha fonda conmoción na música galega
Daniel Portas dirixindo un concerto. DAVID FREIRE
photo_camera Daniel Portas dirixindo un concerto. DAVID FREIRE

O músico meañés Daniel Portas, director da Xove Sinfónica de Pontevedra, faleceu na noite do mércores, aos 47 anos. O seu pasamento causou unha fonda conmoción do mundo cultural galego. Actualmente era tamén trombón da Banda de Música de Compostela e, ademais, durante dez anos dirixiu a Banda de Música de Caldas

Daniel Portas, nacido en Meaño en 1976, sufría de problemas cardíacos coñecidos dende finais de 2023. O pasado 18 de decembro, tras dirixir un concerto da Xove Orquestra Sinfónica de Pontevedra, chegou a ter que ser trasladado en ambulancia despois desplomarse no escenario.

Judith Rey: Era una persona maravillosa, siempre pendiente de su familia, de sus amigos y de todo lo que rodea el mundo de la música. Deja un vacío para siempre en nuestro corazón

"Ha sido maestro de grandes músicos que ahora están compartiendo su legado por todo el mundo", sinalaba este xoves a presidenta da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, Judith Rey, amiga íntima do finado, co que ademais compartiu estudos dende que eran cativos. "Era una persona maravillosa, siempre pendiente de su familia, de sus amigos y de todo lo que rodea el mundo de la música. Ha sido una pérdida muy triste. Desde luego deja un vacío para siempre en nuestro corazón".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, manifestaba o seu pesar nas redes sociais. "Lamento o pasamento de Daniel, músico cun talento asombroso á hora de ensinar é transmitir os seus coñecementos".

Fernández Lores: Era un músico cun talento asombroso á hora de ensinar é transmitir os seus coñecementos

Tamén facía públicas as súas condolencias o Concello de Caldas de Reis nun comunicado nas redes. "Dani é unha persoa moi querida en Caldas de Reis, pois durante a súa etapa á fronte da Banda deixou un gran legado musical e humano", sinálase no texto. "Juan Manuel Rey e Manuel Fariña destacaron a figura de Dani Portas como unha peza fundamental para explicar o gran crecemento experimentado pola Banda de Música de Caldas durante a súa etapa á fronte da mesma".

Banda de Caldas: Durante a súa etapa á fronte da banda deixou un gran legado musical e humano. Foi unha peza fundamental para explicar o crecemento experimentado pola agrupación

No caso da Banda de Música Xuvenil de Barro, a mensaxe era persoal e especialmente emotiva. "Non habería palabras para agradecerche tanto, Dani. Hoxe quedamos orfos dunha das figuras principais da historia da nosa banda. Vivimos baixo a túa dirección das mellores páxinas da nosa vida musical e persoal e deixas unha pegada imborrable en moitos de nós. Fuches e serás un exemplo a seguir. Sempre te recordaremos, Dani. Grazas por tanto e tan bo".

Formado na Escola da Banda Unión Musical de Meaño e no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra, en 1995 entrou a formar parte da Banda de Música de Pontevedra como trombón solista. Despois de rematar os seus estudos de grado medio e grado superior coa calificación de Premio de Honra, en 1997, entrou a formar parte da Orquesta Xove de Galicia.  

Banda Xuvenil de Barro: Deixas unha pegada imborrable en moitos de nós. Fuches e serás un exemplo a seguir. Grazas por tanto e tan bo

Fundador de varios quintetos de metais, ao longo da súa carreira colaborou con orquestras de relevancia estatal como a Orquesta Sinfónica de Bilbao, a Orquesta Nacional de España,a  Orquesta Ciudad de Granada ou a Real Filarmonía de Galicia. Foi director da Banda Xuvenil de Barro e, dende 2007, da Banda Municipal de música de Caldas de Reis, cargo que ocupou ata o ano 2016.