Peligran los Mestre Mateo

O audiovisual galego non pasa polo seu mellor momento. Polo menos iso é o que se desprende das dificultades que está a atopar a Academia Galega do Audiovisual (AGA) para organizar a gala de entrega anual dos premios Mestre Mateo, que se veñen celebrando dende o 2002 para fomentar a actividade neste campo. O presidente da AGA, o actor Xosé Manuel Oliveira 'Pico', enviou unha carta aos seus socios na que poñía de manifesto que esta e outras actividades veranse ''seriamente comprometidas'' ante a falta de apoio económico da Xunta de Galicia e convocounos a unha asemblea extraordinaria para o día 4 de febreiro.

As aportacións do Executivo autonómico viñan da CRTVG, que contribuía con 30.000 euros, e a través de convenios de colaboración cos departamentos de Industria, Cultura e Comunicación, cuxa contía era superior aos 100.000 euros. Segundo explica Xosé Manuel Oliveira na súa carta aos socios e en declaracións a Galiciaé, a CRTVG para esta edición dos premios só se compromete a unha ''achega técnica para a emisión e realización'' da gala e engade que ''non sabemos se será emitible, porque tampouco sabemos de que recursos disporemos para facela como a nós nos gustaría''.

Esa incertidume débese tamén a que a contribución dos outros departamentos da Xunta tamén está no aire. Industria xa retirou o seu apoio ao inicio da lexislatura e Cultura e Comunicación trasladaron as decisións sobre as súas achegas ao Consorcio Audiovisual de Galicia, segundo indica o presidente da AGA. 'Pico' engade que este ente ''parece que non ten financiamento'' e mantense á espera do que poida xurdir dunha reunión que o Consorcio celebrará este xoves. Asimesmo, agarda obter algunha resposta no encontro previsto para o día 31 entre a AGA e o Consello da Cultura. ''Hai interese pero non hai nada concreto. Queremos unha resposta rápida'', asevera Oliveira.

A Academia tamén entende que a crise económica está provocando problemas de financiamento en tódolos eidos e ''aféctanos para levar a gala como quixeramos'', di 'Pico'. Aínda así na súa carta incide en que tamén ''importa, e moito o xeito en que se administran os cartos'' e avoga porque se ''fixen prioridades'' e se planifique ''o emprego dos recursos en tempos de escaseza''. 'Pico' sostén que a maneira de administrar ''prioriza unhas cousas e outras non'', unha orde na que ''a cultura e o audiovisual saen prexudicados''.

As relacións que mantén a Academia coa Xunta son ''cordiais, de consenso e diálogo'', aínda que nos plans do Executivo advírtese ''indecisión, improvisación e opacidade''. Oliveira cre que o respaldo económico ''resulta pouco ou nada conciliable co carácter estratéxico que a lei lle recoñece ao sector audiovisual''. A pesar dese carácter, ''non se aposta claramente polo audiovisual e cada vez está máis desprestixiado''. 

Neste contexto terá lugar a asemblea da AGA do día 4, na que se agarda atopar solucións e fixar posturas comúns de cara á gala dos Mestre Mateo, prevista para mediados de abril.

Comentarios