'Fame cero 2': os artistas chaman a atención sobre o problema da malnutrición

Dez creadores participan na exposición instalada en Daniel de la Sota, que se poderá contemplar ata abril
Unha persoa observa os cubos da exposición 'Fame Cero 2' en Daniel de la Sota. GONZALO GARCÍA
photo_camera Unha persoa observa os cubos da exposición 'Fame Cero 2' en Daniel de la Sota. GONZALO GARCÍA

Carmen Hermo, Gosia Trebacz, Isabell Seidel. Yolanda Dorda, Isabel Pintado, Xulio García Rivas, Alfonso Costa, Ricardo de Campos, Fil Valcárcel e Antón Sobral son os dez creadores que participan na segunda edición da proposta expositiva Fame cero. A mostra, respaldada pola Concellería de Benestar Social e inaugurada este luns, permanecerá instalada na rúa Daniel de la Sota ata comezos do mes de abril.

"Os artistas tamén temos que ter conciencia social", explicou Antón Sobral sobre a proposta. El, ademais de ter obra exposta, é o comisario desta iniciativa, que tivo unha primeira edición en 2019 e que se basea na exposición dunha serie de imaxes e de textos a través dos que se denuncia o problema da malnutrición a nivel mundial. "Porque hai fame en Somalia, pero tamén en Galicia e en Pontevedra. Por iso buscamos facer unha chamada de atención, porque isto xa non é noticia. Si que o é que morra xente en Ucraína, pero non que morra xente de fame".

"Hai fame en Somalia, pero tamén en Galicia e en Pontevedra. Por iso buscamos facer unha chamada de atención, porque isto deixou de ser noticia"

Sobral denunciou que a malnutrición segue a ser un grave problema internacional, pero que se mantén fóra do foco. "Sábese que se produce o dobre de comida no mundo da que necesita o conxunto da poboación, mentres 800 millóns de persoas pasan fame a diario. Bastaría con redistribuír eses alimentos, pero non se fai". 

Fame cero busca sensibilizar á poboación sobre esta cuestión. "Porque en Pontevedra hai moita xente que pasa fame, pero tamén moita xente que é solidaria", dixo Sobral. Tanto el como o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, quixeron render homenaxe en concreto ao recentemente falecido Gonzalo Diéguez, o Padre Gonzalo, responsable do comedor de San Francisco, "que agora mesmo dá de comer a unhas 150 persoas ao día", lembrou Rey. Ao tempo, segundo dixo, o Concello atende a unhas 96 familias en risco de exclusión social, "unhas 300 persoas". Rey tamén lembrou que o 28 de maio se celebra o Día Internacional Contra a Fame.

Comentarios