Mergullarse nas profundidades do océano ou cantar e bailar sen moverse da cadeira é unha das propostas do Salón do Libro Infantil que vén de recuperar o Pazo da Cultura. Centos de familias xa pasaron desde a inau-guración do evento polas distintas actividades e, aínda que as máis delas proceden de Pontevedra, a organización constatou o interese que esta iniciativa esperta por toda Galicia. Poio, Bueu, Cangas, Soutomaior, Vigo, Porriño ou Santiago son algúns dos lugares de onde chegou o público do Salón nestes primeiros días.
Os contacontos de Paula Carballeira, Bea Campos e Anxo Moure e os obradoiros de videoxogos, gastronomía e música protagonizaron os distintos recantos deste Salón de "Emerxencia literaria" este domingo.
Cun estrito protocolo de seguridade caracterizado pola redución de aforos, circuítos de entrada e saída e distancia, completouse a xornada dominical na que a estrea de Ás para Álex no auditorio foi un dos pratos fortes. O espectáculo de teatro e monicreques de Baobab Teatro colleitou o entusiasmo do público máis esixente.
O Salón do Libro continúa este luns cunha morea de actividades. Ás 10.30 horas haberá un contacontos virtual para as ecolas da man de Andrea Bayer e Davide González. De 17 a 19.30 horas o Rodalibros chegará ata A Devesa, se a chuvia o permite. Tamén do tempo dependerá que se poida celebrar un contacton na Illa do Covo previsto para ás 18 horas.