Fazáns: "Paréceme marabilloso que haxa tres películas galegas nos cines"

A directora de A estación violenta presentará o filme o luns nos Abella de Lugo

 

Anxos Fazáns (centro), acompañada, entre outros, por Morris (dereita). EP
photo_camera Anxos Fazáns (centro), acompañada, entre outros, por Morris (dereita). EP

A película A estación violenta, sobre a noite e o underground galego, celebrou este xoves o seu primeiro pase de preestrea nos cines Númax de Santiago. Tamén visitará Vigo, Pontevedra e o próximo luns a directora, Anxos Fazáns, e parte do equipo da cinta estarán nos Abella de Lugo para un coloquio. Será a partir das cinco da tarde.

A película conta cun elenco composto por Alberto Rolán, Nerea Barros (gañadora do premio Goya á mellor actriz revelación por La isla mínima), Xose Barato, Laura LaMontagne, Xiana Arias e Antonio Durán Morris (gañador do premio Mestre Mateo ao mellor actor de reparto por Dhogs, do lucense Andrés Goteira).

Ademais de participar na sección Resistencias do Festival de Cinema Europeo de Sevilla e na 31 edición de Cineuropa, a cineasta galega Anxos Fazáns estivo coa súa ópera prima no Festival Bafici de Bos Aires.

"É unha historia íntima de personaxes que buscan unha xuventude perdida", resume a realizadora

A estación violenta, primeira longa de Anxos Fazáns (Pontevedra, 1992), está baseada na novela homónima no xornalista e escritor Manuel Jabois. "A novela atopoume a min máis ben. O produtor, Daniel Froiz, levaba tempo querendo facer este proxecto, porque el coñece a Manuel Jabois dende a xuventude. E outra xente e él tiñan a intención de transformar a novela en película", di. "Eu chego a este proxecto cando xa se está desenvolvendo. Daniel Froiz dime que non teñen director nin directora. Eu collo a novela e vexo que hai un mundo, un universo que me interesa e co que conecto, de personaxes que viven intensamente, que son moi pasionais e implícome", lembra.

Fazáns recoñece que lle tiña ganas á longametraxe, "porque é un formato no que me sinto cómoda e puiden comprobalo. Ese tempo que tes na longa, que normalmente non tes nas curtas, facilita moito as cousas", engade.

A estrea de A estación violenta coincide na carteleira con outros filmes galegos: Dhogs, do meirego Andrés Goteira, e Nove de novembro, do director de Xove Lázaro Louzao. "Paréceme marabilloso que estas películas estén chegando ás salas galegas. No caso de Dhogs é asombroso porque xa vai pola segunda semana e aí segue. Son películas moi diferentes a de Dhogs e a miña, pero ao final son óperas primas, películas feitas en galego, con equipos de aquí", suliña.

A banda sonora é unha gran protagonista do filme, con bandas galegas actuais que enganden capas de contido

Sobre A estación violenta, rodada en galego, Fazáns cre que "pouco a pouco debe ir normalizándose este feito, que deixe de ser noticia a cuestión do idioma".

MELANCOLÍA. O filme é unha historia "íntima" de personaxes que se atopan nun momento decadente, de frustración, melancolía, e intentan "recuperar unha xuventude que é imposible de recuperar". Para crear esta atmosfera, os corpos espidos son absolutos protagonistas no filme. "Os corpos poden trasladar esa enerxía melancólica, ese paso do tempo. Por outra banda, todos temos un corpo e deberíamos aprender a mirarnos", opina.

Non falta en A estación violenta unha potente banda sonora, con bandas galegas actuais do underground galego que, como apunta a cineasta, "engadían capas de contido a todas esta melancolía da historia".

Comentarios