'Festa da palabra silenciada', un espazo para as voces ausentes

O Día das Letras naceu en 1963 para presentar ante os ollos do mundo a quen cultivaron con esmero a cultura galega e ficaban no esquecemento dos recoñecementos e as glorias. Do mesmo xeito, a 'Festa da palabra' naceu en 1983 para dar voz a centos de voces feminininas ás que ata o momento non se lles permitía máis que falar polo baixo.

Da man de Feministas Independentes Galegas (FIGA) e con María Xose Queizán á fronte, a revista 'Festa da palabra silenciada' pasou a ser dende entón un foro para a expresión desa parte do mundo literario que son as mulleres e que aínda non tivera a oportunidade de facerse escoitar, un medio para inserilas nos circuitos normais de difusión.

De aí o nome. Dun proxecto que xurdiu hai xa máis dun cuarto de século da vontade e traballo dalgunhas integrantes da FIGA, ''impulsadas por sacar á luz o feminismo e a voz das mulleres silenciada no país, ausentes noutras publicacións e foros'', explica María Xosé Queizán, directora da publicación. ''A revista demostrou que existían centos de voces. Só había que impulsalas e darlles un espazo''.

''O Feminismo non é 'cousa de mulleres'''
Dende o seu nacemento en 1983, e ata o ano 1998, a revista foi elaborada integramente por mulleres, desde o deseño e maquetación, a realización, as colaboracións e o material gráfico.

Con todo, e malia a seguir sendo unha publicación feminista, a 'Festa da palabra' non restrinxe as súas páxinas só ás mulleres. Xa no seu número 14 abriu o espazo da escrita aos homes, ao considerar que ''xa se estaba cumprindo a nosa aspiración de que as escritoras deste país puideran gozar de máis espacio nos circuítos normais de difusión''.

Para María Xosé Queizán a cuestión é obvia: ''A publicación é feminista. Os homes poden selo igualmente''. Fronte a quen non cre nos homes feministas, argumenta que ''o Feminismo é política e non é 'cousa de mulleres' como esencia, senón de igualdade e de xustiza''.

Pluralismo
Por iso tampouco hai cortapisas nos temas tratados nin á hora de dar unha determinada visión da realidade, porque ''non hai realidade feminina, hai unha realidade política, social e económica''. Dende monográficos sobre a muller investigadora; especiais de autoras como María Mariño, Xohana Torres, Emilia Pardo Bazán ou Francisca Herrera; a temas de actualidade latente como a situación na sociedade do colectivo xitano ou a prostitución. Entrevistas e crítica literaria, análise de cuestións actuais, e números adicados a 'Os Feministas' ou á 'Arquitectura e urbanismo'.

''Os temas serán múltiples, conforme á vida e as necesidades''. Na 'Festa da palabra' cabe todo o que teña calidade e se axuste aos perfil dos postulados da revista ''como en todas as publicacións'', explica a súa directora.

Tamén os idiomas, xa que a revista conta con máis de duascentas colaboradoras, doutras Comunidades do Estado español e doutras partes do mundo, dende o veciño Portugal ata o Canadá. As creacións son publicadas en idioma orixinal e en galego, ''na procura dunha correcta comunicación'', explican, e co compromiso de  difundir por todo o mundo a lingua e a cultura galegas.

Mesmo mundo, distintos dereitos
O obxectivo é mostrar que ''as mulleres e os homes vivimos no mesmo mundo e espacio. O problema é que non gozamos dos mesmos dereitos, consideración e dignidade''.

Esta mesma inxustiza trasládase ás axudas das que dispoñen para sacar adiante a revista. ''A Festa da palabra está considerada e múltiples foros e universidades de múltipels países'', explica María Xosé Queizán. Non en van, xa recibiu numerosos galardóns.

Incluso, no ano 2003 o Concello de Vigo creou o Premio de Investigación 'festa da palabra', que ten coma fin promover iniciativas no eido da investigación, que leven á recuperación e á divulgación dos proxecto feitos por mulleres en aspectos tanto sociolóxicos como económicos dentro das industrias do cidade de Vigo e contorna.

Porén, ''a característica principal é que sigue sendo silenciada en Galicia e na información de revistas da Xunta de Galicia. Tremendo'', lamenta Queizán. A algúns ouvidos aínda non chegou o son da festa destas 'outras letras'. Con todo, elas seguirán a cantar para se facer ouvir.