Os festivais audiovisuais de Galicia e Portugal forxan vínculos en Pontevedra

Mesas redondas sobre a relación coa Administración Pública e o caso dos Rías Baixas Film Fest abren o I Encontro luso-galaico destes eventos
undefined
photo_camera Un momento da mesa redonda sobre os festivais de cine da provincia. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

"Sumar sinerxías, rachar fronteiras e unir o potencial do talento audiovisual de ambos lados do Miño para apostar por iniciativas comúns que permitan avanzar na súa internacionalización" son os obxectivos principais do I Encontro luso-galaico de festivais audiovisuais, que se celebra estes días en Pontevedra. Promovido pola Deputación e pola Coordinadora galega de festivais de cinema Proxecta, nel participan unha vintena de representantes de institucións, de festivais e de centros formativos. A actividade inaugurouse este venres con dúas mesas redondas: unha sobre a relación dos festivais coa Administración Pública e outra sobre o caso concreto dos festivais da provincia, os Rías Baixas Film Fest.

Nesta segunda participou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que xa intervira na inauguración do encontro destacando como estas "accións en común permiten crear redes". "Temos que ter a intelixencia de sumar sinerxías e traballar xuntos en proxectos que nos fagan máis grandes e nos permitan ter unha maior posición alén do noso territorio", sinalou a presidenta.

Silva tamén aproveitou para poñer en valor os Rías Baixas Film Fest, a marca creada pola Deputación que aglutina os oito festivais da provincia: Cans (Porriño), FicBueu, Play Doc (Tui), Galicia Freaky Film (Vigo), Primavera do Cine (Vigo), Festival do Cine Inclusivo (Vigo), Festival do Imaxinario (Vilagarcía de Arousa) e Novos Cinemas (Pontevedra). "Entre outras cousas, permiten ter nestas vilas cinema de calidade e que todas as persoas teñan acceso ao audiovisual, pero amais dinamizan o territorio e crean un espazo onde medrar en comunidade e construír ben común".

Na mesa redonda sobre os Rías Baixas Film Fest participaron, ademais de Carmela Silva, o director do FicBueu, Manuel Pena; a subdirectora do Galician Freaky Film Fest, Miriam Álvarez, e a codirectora do Festival de Cinema Inclusivo de Vigo, Teresa Barberena. Segundo contaron, tras dous anos de pandemia. os festivais da provincia poden presumir, a día de hoxe, da súa diversificación, a súa unión e o valor que achegan ao territorio.

Sector privado. O seu maior problema, a escaseza orzamentaria. Neste sentido, Carmela Silva recoñeceu a necesidade de que as administracións, desde as locais ata a estatal, pasando pola autonómica, doten de recursos a estes eventos. Tamén falou a prol de acadar "normativas que apoien o mecenado" para conseguir maior respaldo do sector privado, unha cuestión que os tres representantes dos festivais botan en falta: unha maior implicación do sector privado no apoio á cultura.

"Deste encontro xa sae unha idea potente, que teñamos a capacidade de conseguir que os nosos oito festivais se entendan como un gran festival de nivel A", apuntou Silva ao respecto do mapa de festivais da provincia.

No encontro, xa pola tarde, falouse dos axentes implicados nos festivais e houbo unha acción escénica a cargo de Mercé de Rande e Juanma Lodo.

Comentarios