O Festival de Cans impulsa o 'Canciños Fest', un evento para promover o cinema entre os máis pequenos

► O festival celebrarase no Porriño o sábado 25 e o domingo 26 de marzo ► Esta actividade enmárcase dentro das accións previstas para a celebración dos vinte anos do Festival de Cans, que se cumpren neste ano 2023
Cartel do Canciños Fest. DP
photo_camera Cartel do Canciños Fest. DP

O Festival de Cans organizará esta fin de semana no Porriño o Canciños Fest, un novo certame que nace coa intención de achegar o cinema en lingua galega ás máis pequenas e pequenos. O festival conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e terá lugar este sábado 25 e domingo 26 de marzo nas instalacións do Círculo Recreativo cultural de O Porriño, con entrada gratuita.

c7d94506-62a2-973a-0f9c-3eac029c2f17

Entre os contidos que os pequenos da casa poderán desfrutar coas súas familias están curtametraxes e longametraxes de animación, obradoiros e actividades relacionadas co cinema e coa lingua galega. O Festival de Cans quere comezar, deste xeito, as celebracións do seu vixésimo aniversario, homenaxeando ás máis pequenas e pequenos da casa.

O sábado 25 de marzo, desde as 17,00  horas, o público poderá asistir a unha sesión de curtametraxes de animación para o público infantil, con cinco curtametraxes que pasaron por diversas seccións do Festival de Cans ó longo dos seus vinte anos de historia. Nesta sesión poderán verse O Soldadiño de chumbo de Virxinia Curiá e Tomás Conde, O Xigante de Luis da Matta, Man, sobre o alemán Man de Camelle, dirixida por Juan Carlos Abraldes ou A nena que tiña unha soa orella de Álvaro León. Tamén A flor máis grande do mundo, unha fermosa curtametraxe dirixida por Juan Pablo Etxeverry, a partir dun relato do Nobel de Literatura José Saramago.

Logo de rematar a sesión de curtametraxes, para as 18,30 horas está programado un obradoiro de sons musicais para o cinema, guiado polo artista multidisplinar porriñés Juanma Lodo. A través das súas explicacións poderán entrar en todas as emocións que pode transmitir o cinema a través da música e da creación de bandas sonoras.

O domingo 26 de marzo, de novo haberá unha sesión de cine ás 17,00 horas, nesta ocasión coa longametraxe de animación para nenos Maimiño de Ernesto Padron, coproducida entre Cuba e Galicia. E ao rematar, será a quenda dos contadores de Polo Correo do Vento  cun espectáculo de música e narración oral titulado Unha historia do cinema en Galicia, no que achegarán ás pequenas e pequenos de xeito didáctico diversos momentos dos filmes máis célebres feitos en Galicia.

Comentarios