O Festival de Cans permite ver online durante catro días as curtas finalistas do certame

Entre os títulos que se poderán visionar, dende este xoves e ata o domingo, están Rompente, de Eloy Domínguez Serén, e Así vendrá la noche, de Ángel Santos
Todos os gañadores do último festival de Cans. CRIS ANDINA
photo_camera Todos os gañadores do último festival de Cans. CRIS ANDINA

A versión en liña do Festival de Cans permitirá ver, dende este xoves (ás 12.00 horas) ata o domingo, a través da súa páxina web, todas as curtametraxes finalistas da competición. Entre elas estarán Rompente, do meañés Eloy Domínguez Serén, e Así vendrá la noche, do marinense Ángel Santos. A proposta, que se desenvolve baixo o lema Cans On Line, ponse en marcha por terceiro ano consecutivo.

Rompente, que xa gañara o premio á mellor curta no Festival de Málaga, tamén se fixo co Can de Pedra á mellor curtrametraxe no Porriño. Así vendrá la noche conseguiu dous premios en Cans, o de mellor guión e o de mellor actriz protagonista (Violeta Gil). Outros títulos que se poderán ver son Sycorax, de Lois Patiño e Matías Piñeiro, premio á mellor fotografía, e Sauerdogs, de Guillemo de Oliveira, premio do xurado de veciños e veciñas e premio á mellor banda sonora.

En total, na web do festival poderanse ver once curtametraxes. Estarán divididas en tres bloques, cun prezo de tres euros por bloque. Para quen desexe ver todos os títulos haberá dispoñible un bono de cinco euros. Unha vez realizada a compra, cada espectador disporá de 72 horas para o visionado.

Comentarios