O Festival de Jazz de Pontevedra contará cun concerto en exclusiva de Don Bryant


Abe Rábade, Walter ‘Wolfman’ Washington e Stefano Bollani completan o cartel do evento na Praza da Ferrería 

Unha imaxe promocional de Don Bryant
photo_camera Unha imaxe promocional de Don Bryant

Co único concerto que ofrecerá en España o norteamericano Don Bryant abrirase o 26º Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra. "Tivemos a oportunidade de pechalo en exclusiva e fixémolo. É un deses concertos tan singulares que estamos seguros de que lle dará unha especial relevancia ao festival deste ano", explicou o coordinador do evento, José Antonio Ortiz. O galego Abe Rábade (que repite no escenario pontevedrés), o tamén estadounidense Walter Wolfman Washington e o italiano Stefano Bollani completan o cartel do festival, que se celebrará entre o 18 e o 21 de xullo na Praza da Ferrería (22.30 horas) con entrada libre.

"Penso que acadamos unha programación equilibrada de jazz e de blues, con presenza de artistas norteamericanos e de artistas europeos", explicou Ortiz na presentación dos concertos, onde estivo acompañado polo coordinador das actividades previas e paralelas ás actuacións da Ferrería e coordinador do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra (SPJP), Luís Carballo, e pola concelleira de Festas, Carme da Silva. 

O día 18 serán Don Bryant and The Bo-Keys os que suban ao escenario. "É unha figura mítica redescuberta e recuperada hai uns anos que, a pesar da súa veteranía, é a gran aposta do festival este ano". Nacido en Memphis en 1942, Bryant, cantante de rhythm and blues e compositor, é autor ou coautor de temas considerados agora clásicos como o I Can't Stand the Rain, que popularizou Tina Turner. Ao día seguinte será a vez de Abe Rábade, "que estivo no festival nos inicios da súa carreira [2001] e hoxe volve convertido nun dos pianistas máis importantes de Europa". O día 20 volverá o blues á Ferrería, "cun clásico absoluto que nos faltaba por ver en Pontevedra", Walter Wolfman Washington, que virá con The Roadmasters. O "peche festivo" correrá a cargo de Stefano Bollani, colaborador habitual de Caetano Veloso, e pianista de jazz focalizado na música brasileira. 
 

Alfonso Calvo e Joel Ross actuarán con dúas superbandas no Teucro

Os concertos de Alfonso Calvo e Joel Ross, na Praza do Teucro (22.30 horas), servirán para abrir o festival. Os dous músicos actuarán xunto a cadansúa superbanda. 

"O contrabaixista de Compostela Alfonso Calvo é un dos grandes nomes do jazz galego", explicou Luís Carballo, coordinador das propostas previas ás actuacións centrais da Ferrería. "Lidera unha das grandes bandas da actualidade". Porque o de Alfonso Calvo é un septeto do que forman parte músicos da categoría de Pablo Castaño ou Xabier Pereiro GdJazz. Por enriba, desta vez actuará con Ton Risco ao vibráfono como convidado especial. Será o 16 de xullo.
Ao día seguinte, o que subirá ao escenario será o norteamericano Joel Ross. "Con só 23 anos, está chamado a ser un referente", explicou Carballo, que tamén contou que Ross será o protagonista, xunto ao cubano Jorge Vistel, do Pontejazz Workshop deste ano, o taller de formación de acceso libre, que se imparte dentro do festival (do 16 ao 22 de xullo no Antigo Conservatorio, de 11.00 a 14.00 horas). Pero é que Ross, ademais, liderará unha superbanda, creada para actuar en Pontevedra e que bautizou como Nomads, da que forman parte o mencionado Jorge Vistel (trompeta), Xan Campos (piano Rhodes), Paco Charlín (contrabaixo) e Naima Acuña (batería).

A programación incluirá ademais jazz pola rúa a cargo da habitual Street Band, jam sessions na Gramola cada día ás 00.00 horas (16, Javier Abraldes; 17, Miguel Ponce; 18, Sunil López; 19, Brais Lorenzo; 20, Vinseiro & Gilino, e 21, Pedro Freijeiro) e un concerto de Andrea Traverso o día 21, ás 13.00 horas, na Taberna do Jazz. Todo con entrada libre.

A información completa sobre o festival pode consultarse en www.jazzpontevedra.com.

Comentarios