Un cartel de mulleres arrasadoras no Festival de Jazz e Blues de Pontevedra

Andrea Motis, Ida Nielsen e Samantha Fish actuarán no evento, que recupera a internacionalidade tras dous anos de pandemia ▶ Jeffery Davis e André B. Silva completan a serie de concertos, que se celebrarán entre o 20 e o 24 de xullo na Praza da Ferrería
A norteamericana Samantha Fish nunha foto promocional.
photo_camera A norteamericana Samantha Fish nunha foto promocional.

"O Festival de Jazz recupera o seu carácter internacional, despois de dous anos de programación alternativa a causa da pandemia. E regresa cunha presenza arrasadora de mulleres". A concelleira de Festas, Carme da Silva, presentou este venres, acompañada por Paco Charlín, do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra (SPJP), e por Alberte Lastres, da organización do evento, o 28º Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra. Jeffery Davis, André B. Silva, Andrea Motis, Ida Nielsen e Samantha Fish actuarán na Praza da Ferrería entre o 20 e o 24 de xullo. Os concertos, con entrada de balde, terán lugar a partir das 22.30 horas.

O SPJP está detrás das dúas primeiras actuacións. Jeffery Davis virá co seu cuarteto o mércores 20 de xullo. Paco Charlín contou que se trata dun vibrafonista e compositor canadense afincado en Europa, que mestura na súa proposta jazz e música clásica contemporánea. O caso de André B. Silva, que subirá ao escenario o xoves 21 de xullo, é tamén particular: no seu proxecto une cinco guitarristas de Porto e de Galicia, cun baixista e cun batería. Entre os galegos da banda está Virxilio da Silva, de Portonovo. O proxecto foi bautizado como The Guit Kune Do. "Con influencias do jazz, do hip hop e mesmo do rhythm and blues, este rapaz busca novas ideas e sonoridades a través dunha proposta de cinco guitarras poucas veces vista". Charlín tamén lembrou que, os días que dure o festival, a Street Band Chivinjazz seguirá percorrendo o centro ás 12.30 e ás 20.00 horas.

Alberte Lastres destacou que o cartel deste ano estivese presidido por tres mulleres e que con elas se recuperase a internacionalidade do festival. "Ademais, tres mulleres instrumentistas, non só vocalistas, que é o máis habitual", sinalou. Sobre a catalá Andrea Motis, que actuará o venres 22 de xullo, explicou que se trataba dunha das trompetistas de jazz que contaba cunha maior proxección internacional. Apadriñada por Joan Chamorro, con 12 anos xa protagonizou a película documental A film about kids and music, que documentaba a formación dunha big band infantil. "Con 16 foi reclutada polo mesmísimo Quincy Jones para formar parte da súa banda, The Global Gumbo All Stars, no Festival de Perelada". Ten compartido escenario con artistas da talla de Omara Portuondo, Milton Nascimento, Scott Hamilton e Yo-Yo Ma. É a primeira artista española que conseguiu publicar cos dous máis importantes selos de jazz do mundo: con Impulse! lanzou Emotional Dance en 2017 e con Verve, Do outro lado do azul en 2019.

O sábado 23 de xullo será a vez de Ida Nielsen. A baixista danesa formou parte de The New Power Generation, a banda de Prince. "Aínda que o baixo é o seu instrumento preferido, en realidade é multiinstrumentista", explicou Lastres, que tamén contou que era vocalista e compositora, e que na súa música mesturaba jazz e rock e había influencias de rythm and blues, neosoul, funk e hip hop. Ten publicado catro álbums en solitario. 

O festival rematará o domingo 24 de xullo da man da cantante, compositora e guitarrista norteamericana Samantha Fish. "Ten un dominio absoluto do instrumento, o que lle permite presentarse no escenario unicamente acompañada de baixo e batería". En 2012, con Runaway conseguiu o Blues Music Award á mellor nova artista de blues. "O seu é un blues de moita raíz, por algo naceu e vive en Kansas City". Entre as súas influencias máis importantes están as do Norte do Mississippi, pero tamén a doutros artistas máis iconoclastas, como podería ser Prince, contou Alberte Lastres.