O Surfing the Lérez volverá á Illa do Covo no mes de xuño

O festival pontevedrés regresa despois de dous anos sen poderse celebrar debido á pandemia ▶ Os concertos terán lugar os días 23, 24 e 25 e haberá catro escenarios
Concerto de Escuchando Elefantes no Surfing the Lérez de 2018. RAFA FARIÑA
photo_camera Concerto de Escuchando Elefantes no Surfing the Lérez de 2018. RAFA FARIÑA

Volve o Surfing the Lérez. O festival pontevedrés vén de anunciar nas redes sociais que, despois de dous anos sen poderse celebrar debido á pandemia, xa ten datas confirmadas para este ano: os días 23, 24 e 25 de xuño. Desta maneira, o primeiro día dos concertos coincidirá coa Festa de San Xoán.

Segundo indican os organizadores, as actuacións terán lugar no que vén sendo o seu espazo habitual, a Illa do Covo. Tamén informaron de que contarán con catro escenarios. Ademais volverá aproveitarse o evento para facer unha gran recollida de alimentos solidaria. "Queremos bater récords de recollida de alimentos. Necesitámosvos máis que nunca", din nas redes sociais.

O Surfing the Lérez é o único festival de rock e pop que se celebra en Pontevedra. Concibido a modo de romería, a súa promotora é Jack-Jack, que o organiza para o Concello. Naceu no ano 2011 e en 2017 recibiu o premio Martín Códax ao mellor festival de Galicia. Na súa última edición, en 2019, participaron case 20 bandas, entre elas, Heredeiros da Crus, Ortiga e Sex Museum. A maiores conta cun escenario infantil e actividades especificamente deseñadas para os máis pequenos.

Comentarios