FicBueu contará con tres proyeccións diarias de curtas

O consolidado festival, que terá lugar entre o 10 e o 18 setembro, proxectará medio cento de películas e haberá múltiples actividades

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu ofrecerá, na súa edición 2016, unha programación máis completa e variada que a de anos anteriores. A cita buenense co cine terá lugar entre o 10 e o 18 de setembro. Conferencias, obradoiros e roteiros son algunhas das novidades da axenda, canda os tres pases diarios de proxeccións.

Máis de medio cento de curtas, procedentes de diferentes lugares do mundo exhibiranse este ano nas seccións Competición, Galicia, Comedia, Animación, Iberoamérica e Panorama. Esta última presentará os mellores traballos internacionais que ficaron fóra de concurso.

A estas proxeccións hai que engadirlles unha retrospectiva do recoñecido guionista e realizador portugués André Marques e a tarde dedicada ás escolas galegas, na que se visionará unha mostra dos traballos realizados en centros educativos, desde o colexio ata a universidade.

Todas as actividades e proxeccións do programa serán de balde, agás a sección Competición, onde se aboará unha entrada a prezo simbólico, que poderá adquirirse con anterioridade a partir de finais deste mes. Esta medida pretende evitar as longas esperas á porta do Centro Social do Mar.

Os filmes que compiten no certame poderanse ver de luns a xoves, con sesión dobre ás 20.00 e ás 22.00 horas. As seccións paralelas desenvolveranse ás 18.00 horas e tamén nas fins de semana, incluído o venres.

CONFERENCIAS. A programación expandirase asemade ás mañás xa desde o primeiro día, con conferencias sobre os inicios do cine galego ou sobre directores como Stanley Kubrick, e organizarase un encontro co actor Celso Bugallo, gañador dun Goya.

Unha ‘masterclass’ sobre gravación con cámara réflex ou un relatorio sobre a distribución das curtametraxes completan a axenda de FicBueu, ao que hai que engadir os roteiros por Cabo Udra ou a bordo de embarcacións tradicionais, actividade organizada en colaboración coa asociación Os Galos.

Comentarios