Filgueira Valverde de corpo enteiro no sexto edificio

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, califica ao homenaxeado o Día das Letras Galegas de "entrañable infiltrado que aproveitaba a cultura para facer política e ao revés" na inauguración da exposición que lle adica o Museo Provincial. Louzán aféalle a Lores non ter asistido ao acto: "Esta figura debería estar por enriba de calquera ideoloxía"
A familia de Filgueira posando xunto ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o comisario da mostra, Carlos Valle, e o resto de autoridades
photo_camera A familia de Filgueira posando xunto ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o comisario da mostra, Carlos Valle, e o resto de autoridades

"Filgueira Valverde pertence a unha xeración que pretendía liberar a Galicia da maneira máis fermosa: a través da cultura. Era un entrañable infiltrado que aproveitaba a cultura para facer política e ao revés". Para o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, Xosé Filgueira Valverde podería ter afirmado algo semellante a aquilo que dicía Thomas Mann de que "onde estea eu, estará a cultura alemana", porque "en todo o que ensinou, escribiu, proxectou, imaxinou ou dirixiu Filgueira, estivo a cultura galega".

Feijóo inaugurou onte, acompañado polo presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero; o presidente da Fundación Filgueira e fillo do homenaxeado o Día das Letras Galegas deste ano, Fernando Filgueira; o presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a deputada provincial de Cultura, Ana Isabel Vázquez; o director do Museo, Carlos Valle, e outras autoridades, a exposición ‘Filgueira Valverde. Un faro na construción de Galicia’, a mostra máis importante que se organizará en Galicia arredor do polígrafo pontevedrés co gallo da homanexe que se lle renderá o 17 de maio. Composta por diverso material artístico, literario e bibliográfico de Filgueira, poderá visitarse ata o 24 de maio no Sexto Edificio.

Durante o acto, Feijóo afirmou que "de eliminarse a pegada de Filgueira na cultura galega, probablemente non existirían o Seminario de Estudos Galegos, o Museo de Pontevedra ou o Consello da Cultura Galega, nin traballos imprescindibles sobre literatura medieval, nin as máis fermosas páxinas do noso neotrobadorismo". Tamén falou da admiración do polígrafo por Frei Martín Sarmiento. "Non é casualidade que sexa o seu modelo. En ambos os dous latexa o mesmo pulo, a mesma fe no noso país, a mesma convicción de que a cultura é a gran ferramenta para a emancipación de Galicia, a mesma pedagoxía tolerante e amable".

O presidente da Xunta resaltou que unha das características da xeración de Filgueira era a súa pluralidade. "Ninguén se consideraba máis galego que outro, ou máis comprometido que os demais nas grandes causas do país". Para Feijóo, Filgueira "foi unha autoridade de talla internacional, pero os seus referentes non deixaron de estar sempre aquí, en Pontevedra, o lugar que converteu no epicentro cultural de Galicia e dende onde contemplou o mundo".

Na inauguración de onte tamén interveu Xesús Alonso Montero, que se referiu á exposición do Museo como "unha gran mostra na que aparece de corpo enteiro a figura de Filgueira". O presidente da RAG mantivo que "é fermoso pertencer a un país que ten como día grande o día da palabra, non dun acto bélico, senón da palabra, e nunca en pugna co castelán, senón nunha convivencia pacífica". Segundo dixo, "a palabra ten en Xosé Filgueira Valverde un home grande, o último polígrafo das letras galegas".

Polémica. O enfrontamento que veñen mantendo PP e BNG a conta da homenaxe a Filgueira Valverde o 17 de maio púxose de manifesto no acto do Museo, ao que non asistiu ningún representante do Goberno municipal, nin do BNG nin do PSOE, e si varios membros do grupo municipal do Partido Popular, así como alcaldes e alcaldables da comarca do mesmo partido.

"Querido alcalde... Creo que non está", comentou con sorna o presidente da Deputación durante a súa intervención, resaltando a ausencia de Miguel Anxo Fernández Lores. "Teríame gustado que asistira. Pero parece que non é posible. Esta figura debería estar por enriba de calquera ideoloxía". O alcalde de Pontevedra e outros concelleiros do BNG desaprobaron publicamente a decisión da RAG de adicarlle o Día das Letras a Filgueira Valverde reprochándolle a súa militancia franquista, iniciando unha polémica que chegou ao Pleno municipal e que continúa.

Louzán dixo tamén que Filgueira era "un referente na historia de Pontevedra e de Galicia". Algo co que coincidiu a deputada de Cultura, Ana Isabel Vázquez. "Méritos para esta homenaxe sóbranlle. É de xustiza facerlla".

O fillo do homenaxeado, Fernando Filgueira, agradeceulle ao Museo a organización da exposición e calificou de "perfecta" a decisión que tomou a familia de depositar o legado do polígrafo nesta institución. Así mesmo, dixo que "un sentimento de acougo a través do bo entendemento coas institucións invade agora á familia, agradecida pola homenaxe".

"Querido alcalde... Creo que non está", comentou con sorna o presidente da Deputación. "Teríame gustado que asistira" Alberto Núñez Feijóo Presidente da Xunta de Galicia En todo o que Filgueira ensinou, escribiu, proxectou, imaxinou ou dirixiu, estivo a cultura galega" Xesús Alonso Montero Presidente da RAG A palabra ten en Xosé Filgueira Valverde un home grande, o último polígrafo das letras galegas" Fernando Filgueira Presidente da Fundación Filgueira e fillo do homenaxeado Un sentimento de acougo a través do bo entendemento coas institucións invade hoxe á familia, que está agradecida" Ana Isabel Vázquez Deputada de Cultura Méritos para esta homenaxe sóbranlle. É de xustiza facerlla"

Comentarios