viernes. 06.12.2019 |
El tiempo
viernes. 06.12.2019
El tiempo

Un filme pontevedrés e caníbal

Varios membros do equipo durante o rodaxe. RAFA FARIÑA
Varios membros do equipo durante o rodaxe. RAFA FARIÑA
Projeto Jägher grava en Pontevedra unha curtametraxe baseada na obra de teatro Canibalismo, de Marcos Abalde

"Hai que alimentar a rebelión, a desobediencia, a insubmisión, para parar a roda do mal, da infamia", di Marcos Abalde. A obra de teatro Canibalismo foi escrita por este dramaturgo vigués a mediados da década do 2000. Agora vén de ser adaptada ao audiovisual por Projeto Jägher, colectivo formado polo director Diego R. Aballe e pola escenógrafa e directora de arte Amanda Seijas, que elixíu unha rúa de Pontevedra, a de Manuel Quiroga, como localización principal da curtametraxe inspirada no texto de Abalde (recoñecido en 2008 co IV Premio Josep Robrenyó pola Associació d"Investigació Teatral).

Durante catro días desta semana, un equipo de máis de 20 persoas traballou para sacar adiante a gravación de Canibalismo. A maior parte delas pasou nalgún momento pola Escuela Superior de Cine y Audiovisuales de Catalunya (ESCAC), punto en común de boa parte dos implicados neste traballo.

Os actores Tito Asorey, Fran Nogueira e Germán Prenta encabezan o reparto

Outra cousa son os actores. Tito Asorey, Fran Nogueira e Germán Preta encabezan o reparto dunha curta, na que tamén participan Jorge De Arcos, Adrián Chacón e Sara Loureiro, que se puido realizar grazas a unha campaña de micromecenado feita a través da web goteo.org.

FESTIVAIS. "Agora o proxecto está pendente de recibir axudas para a súa postprodución", explica a directora de produción, Sandra Romero, que tamén conta que a intención de Projeto Jägher é estrear e mover o filme por distintos festivais.

Canibalismo, que adapta o texto orixinal de Abalde para o teatro e que foi rodado en galego, transcorre nunha noite na que dous homes dan voltas no seu coche ata que se atopan cun mendigo inmigrante que durme nun caixeiro automático abandonado.

"Temas como o racismo, a xenofobia e a falta de fogar trátanse de forma activa e directa neste proxecto; cuestións de actualidade, que nos afectan a todos e todas e que por desgraza son contidos moi necesarios para intentar construír un mundo máis libre e tolerante", explican os responsables da produción.

Brais González, integrante do Trío Casperverk e premiado no IV Concours Internacional de Piano Nikolai Rubinstein de París, no XII Concurso Internacional Maria Campina ou no X Concurso Internacional Ricard Vines, entre outros, é o encargado de compoñer a banda sonora da curta. O equipo técnico está integrado por Bernat Eguiluz, do colectivo Méjico.tv, como director de fotografía, e por Eloy Táboas, da produtora Tapesóns, como xefe de son. O resto está formado por profesionais do sector audiovisual galego e catalán como Rodrigo De León e Sandra Romero, á frente do equipo de produción, ou Teresa Sánchez Castro, como xefa de vestiario.

Un filme pontevedrés e caníbal
Comentarios