Fin a unha semana de filosofía: "O común está por construír"

"Debemos tomar conciencia de que nos necesitamos". A cita arredor do pensamento organizada pola Aula Castelao pecha cun chamamento contra o individualismo

Juan Manuel Sánchez Gordillo, o encargado da lección de clausura, acompañado de integrantes da Aula Castelao e a edil Carme da Silva
photo_camera Juan Manuel Sánchez Gordillo, o encargado da lección de clausura, acompañado de integrantes da Aula Castelao e a edil Carme da Silva

O común é a alternativa á lóxica do capitalismo. Pero. Esta foi unha das principais conclusións que ofreceu este venres a Aula Castelao para poñer fin á XXXV Semana Galega de Filosofía, que se celebrou no Teatro Principal ao longo dos últimos días. "Ante os estragos do cosmocapitalismo, é grande a tentación de gorecerse tras as murallas do estado nacional, de pecharse na clausura da propia cidadanía dun mesmo, na súa identidade, na súa relixión ou no seu xénero", explicou a integrante do grupo organizador do congreso Diana Vilas, que explicou que o que se falou durante a Semana de Filosofía serve para evidenciar que que pode "camiñar noutra dirección".

Deste xeito, Vilas destacou exemplos como o do monte comunal e as traídas de auga tamén comunitarias tan habituais en Galicia como un exemplo de que unha sociedade alternativa á lóxica do capitalismo é posible. Pero cando fala do común, a Aula Castelao engloba tamén os bens inmateriais da comunidade, como é a tradición oral, a toponimia, a memoria ou a música tradicional. Todos estes aspectos foron tratados nesta semana de pensamento en Pontevedra.

Porén, sinalou que varios dos ponentes na Semana Galega de Filosofía indicaron que "o común está aínda por construír, algo que se debe producir", explicou Vilas. Deste xeito, a ponente indicou que o común debe concibirse tamén dende un punto de vista feminista, unido á terra, á xestión dos recursos naturais, á creación de novas formas máis cooperativas de reprodución da vida, ligado ás posibilidades de crear formas de autogoberno, de recuperar a solidariedade social e, sobre todo, a capacidade de decisión.

Mais, tal e como indicou a integrante da Aula Castelao Andrea Vilas, é preciso construír unha sociedade igualitaria, «de aí a importancia de achar mecanismos de redistribución da riqueza, para neutralizar as diferenzas, como a renda básica», unha idea que defendeu no dito foro o pensador Daniel Raventós.

Individualismo. A Aula Castelao fixo un chamamento a abandonar o individualismo: "debemos estar dispostos a liberarnos da tiranía das nosas propias esixencias de satisfacción inmediata para abrirnos á construción dun mundo en común". Así, Vilas indicou que "o peche do individuo en si mesmo empobrécenos e fainos vulnerables ante os mecanismos abusivos do poder".

A ecoloxía, o feminismo e o cambio social pasan tamén polo traballo en común. "O comunitario é a infraestrutura para a loita transformadora". Así, Vilas mencionou o que ela denominou como "microfisuras" que producen cambios. Como por exemplo, as resistencias ás agresión ecolóxicas ou as loitas contra a violencia machista, unha reivindicación que hoxe en día está moi presente e é aceptada pola maioría social.

Comentarios