lunes. 08.03.2021 |
El tiempo
lunes. 08.03.2021
El tiempo

Roberto Varela: "Fixen informes tras a caída do Muro de Berlín, que foi totalmente imprevisible"

Roberto Varela. EP
Roberto Varela. EP
O exconselleiro de Cultura e diplomático presenta o libro O tempo que vivimos

Vai e volve andando entre a embaixada española en Francia, onde é asesor cultural, e a casa. Vive en París, pero a cidade quedou anestesiada pola pandemia e os peches. O seu traballo, organizar actividades culturais, "está tocado de morte", pero non renuncia a interromper a conversa a cada pouco para axustar os detalles dunha mostra de Joan Miró.

A súa vida traseúnte comezou nunha praia ínfima de Meaño, Seixiños. De neno soñaba con viaxar polo mundo.

Durante o confinamento tiven moito tempo para mirar atrás. Custaba traballo concentrarse. En abril produciuse o pasamento da miña nai e non puiden ir. Foi doroso. Este libro está dedicado a ela. Non foi feito con esa intención. Ninguén imaxinaba que ía ser tan acorde coa realidade desoladora deste momento. Por iso se chama ‘O tempo que vivimos’.

O falecemento da súa nai cambiou o ton do libro?

É unha viaxe polo pasado. Tiña o libro case rematado. Fala da infancia como patria no sentido de Rilke. Eu era un neno que soñaba con viaxar. Non é un autorretrato. O libro estaba feito, pero a morte da miña nai é importante.

Os escenarios das fotos están baleiros.

Gústame para as fotos.

A única imaxe na que aparece é de vostede vestido de traxe e subido ao trampolín dunha piscina. Observa a auga.

Era unha foto co humor de subir ao trampolín dunha piscina, pero o editor, Antón Lopo, atopoulle un punto de introspección.

Seixiños era o Mississippi.

É a miña madalena de Proust, unha referencia. A patria dun neno ten un tamaño totalmente fóra da realidade. É unha praia na que hai trozos tella dunha telleira cercana. Acordei en Nova York. Vin esa cor no ladrillo de Brooklyn.

Saíu da casa con 11 anos.

Non fun moi lonxe, fun estudar a Santiago. Eran unhas horas nun tren chamado Ferrobús.

Daquela quería ver mundo?

Galicia era un país oprimido e empobrecido. Desde pequeno quería coñecer outros lugares. Santiago era unha oportunidade. Separar un neno da familia con 11 anos ten algo de desgarro. Marcou o meu destino.

Foi o destino onde máis me custou afacerme. É moi competitiva. Tes que estar á última ou quedas fóra

En Santiago estudou Filosofía. Seguiu estudos en Barcelona. Quería ser diplomático?

Non, en absoluto. Interesábame a filosofía do Renacemento, a revolución científica, os idealistas. Estiven en Berlín un ano. Enfronteime a un libro de Hegel, A fenomenoloxía do espírito. Tiven en Barcelona un profesor que nos deu todo un curso sobre un capítulo dese libro. Tamén fora camareiro en Londres. Sabía idiomas, gustábame viaxar e un amigo díxome: Por que non te fas diplomático?.

Verán de 1976. A democracia aínda estaba arrincando e vostede asistía a un concerto dos Rolling Stones en Londres.

Tiña un sentimento raro. Durante os veráns de 1975, 1976 e 1977 estiven traballando de camareiro en Victoria Coach Station. A maioría eramos galegos. Falabamos unha mestura de galego e inglés. Diciamos: Tosta con beans. Foi en Berlín cando pensei en ser diplomático. Se seguía como filósofo tería que ir a un departamento dunha universidade e eu era máis aventureiro. Estiven dous anos en Madrid estudando para diplomático. Resultoume difícil porque non tiña formación xurídica nin era dunha familia de diplomáticos. Varela Fariña soaba raro naquel ambente. Faltábame o de no apelido. Falaba inglés e alemán, pero non francés. O meu pai estaba desesperado porque lles saía caro, pero quixeron facer un esforzo con Roberto.

Ten irmáns?

Teño. Quedaron en Meaño.

Aprendeu francés.

Fun á Escola de Relacións Internacionais durante dous anos. Non me interesaban as relacións internacionais, senón o francés. Despois marchei á embaixada en Bonn, onde estiven cinco anos. John Le Carré dicía que Bonn era "a metade do cemiterio de Chicago, pero o dobre de silencioso". Coñecín a Schröeder, a Kohl,... e fixen informes sobre a reunificación de Alemaña e o xurdimento do Partido Comunista no leste por parte de nostálxicos. A caída do Muro de Berlín foi imprevisible, tamén a rapidez e a eficacia coa que foi reunificado.

O seguinte destino foi Kuwait.

Cheguei un 15 de agosto cunha temperatura de 47 graos. Asistín á inauguración da primeira tenda de Zara.

O seu traballo implica chegar a un sitio sen coñecer a ninguén.

O malo é despedirse. Ao chegar fas o esforzo de integrarte. Onde máis me custou afacerme foi en Nova York. Os árabes son hospitalarios. En Nova York parece que a vida é fácil, que levantas unha man e tes un taxi; pero é moi competitiva. Tes que estar á última ou quedas fóra.

Non o cambiaría por nada a pesar de que a política é dura. Non tiña o respaldo dun partido

Non dubidou en volver a Galicia cando o chamou Núñez Feijóo.

Era imposible dicir que non porque me permitía volver a Galicia. Non o cambiaría por nada a pesar de que a política é dura. Como era independente non sentía respaldo dun partido. Pero devolvín ao meu país o que me dera.

Que aprendeu na consellería?

Que non se pode satisfacer a todo o mundo. Aprendín a dicir que non, a medir o que se di, a manexar a presión que crea a prensa.

Roberto Varela: "Fixen informes tras a caída do Muro de Berlín, que...
Comentarios
ç