lunes. 08.03.2021 |
El tiempo
lunes. 08.03.2021
El tiempo

"Fixen este libro para queixarme e para cuestionarme os límites"

Nee Barros co seu poemario. CEDIDA
Nee Barros co seu poemario. CEDIDA
"Non tentes clasificarme para facerme máis doado, non funciona", di Nee Barros na introdución do seu debut literario, '19 poemas para um vírus-19'. Arte Calavera publica este primeiro traballo do marinense, escrito en galego reintegracionista e linguaxe non binaria

Quería publicar o seu primeiro libro antes de cumprir a maioría de idade e conseguiuno. O autor e youtuber afincado en Marín, que agora mesmo estuda Filoloxía Galega en Santiago e está pendente de que Galaxia publique a súa obra de teatro Identidade, Nee Barros (Ourense, 2002) vén de lanzar un poemario, 19 poemas para um vírus-19, autoeditado a través de Arte Calavera. Pódese conseguir na web 19poemas.gal. "Ou directamente dirixíndose a min nas redes sociais, onde son neeumatiko".

De que falan os seus poemas?
Fixen este libro para queixarme e para cuestionarme todo o que son os límites, as clasificacións e os xéneros. Por iso emprego precisamente a linguaxe non binaria, algo que temos pendente de normalizar en Galicia.

Que significa exactamente que o libro estea escrito en linguaxe non binaria?
Na nosa sociedade hai un construto social que é o xénero, onde nos intentan encaixar a todos ao nacer. É algo inventado sobre o que se poñen expectativas e obrigas. Se naces con certos xenitais tes que ser dun xeito ou doutro. Iso reflíctese na linguaxe. Así que temos dous xéneros na linguaxe tradicional, o masculino e o feminino. Pero esa non é a realidade das persoas, que somos algo moito máis diverso. Moitos vivimos nas marxes ou na disidencia e moitos decidimos empregar a linguaxe non binaria. Do que se trata é de usar termos rematados en -e e o pronome ele, aínda que agora se está tendendo a empregar elu.

E por que prefire a ortografía reintegracionista á normativa?
A ortografía oficial, a da Real Academia Galega e do Instituto Galego da Lingua, vén a ser, a grandes trazos, a que emprega a do castelán, algo que se vén facendo, entre outras cousas, porque nos séculos escuros non se coñecía a literatura que se fixera con anterioridade, a das cantigas medievais, por exemplo. Ao non ter unha ortografía á que recorrer por culpa da diglosia recorreuse ao castelán. Pero eu penso que o reintegracionismo é unha grande oportunidade para as nosas letras. Porque nos conecta con toda a lusofonía.

Vostede entrou en contacto co selo Arte Calavera a partir da súa participación no proxecto Xeración Sónica co grupo Froalla. Por que decidiu publicar con eles o seu primeiro libro?
En realidade todo comezou en 2017, cando escribín o meu primeiro libro. É unha obra de teatro que se titula Identidade e que se ía publicar con Galaxia. Pero os procesos editoriais son moi lentos, despois chegou a covid... Todo se foi atrasando e, aínda que o tempo é outro construto social e ser maior ou menor de idade non debería importar, era unha ilusión que tiña aí, publicar sen cumprir os 18. Así que aproveitei para xuntar os 19 poemas, que partiron de textos xa escritos, e estrutureinos a comezos de decembro para que saísen antes de mediados de mes e que cadrase antes do meu aniversario.

Identidade saírá igualmente?
Está indo a imprenta agora mesmo e, se as circunstancias o permiten, sairá en abril.

Ten algo de autobiográfica esa obra?
Ao final, todo o que escribes acaba facendo referencia a ti. Un non pode abstraerse das súas experiencias, de todo o que viviu, do que sente... Dependendo de como o vexas, todo vén a ser autobiográfico. Identidade tamén.

Ademais de escritor, é youtuber, milita no grupo Froalla, presentou en dúas ocasións o Salón do Libro, gañou varios certames literarios como o Lingua de namorar... É sen dúbida un tipo inquedo.
O único que non quero é aburrirme. Aínda que si, a veces, ao final, acabo un pouco estresado. Pero compensa.

"Fixen este libro para queixarme e para cuestionarme os límites"
Comentarios
ç