Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

‘'Fiz, o neno máis porco do mundo’', conquista o MiniDiario no verán

Kiko da Silva, no Garaxe Hermético
Kiko da Silva, no Garaxe Hermético
O personaxe de Kiko da Silva acompañará aos nenos desde este domingo ata o comezo do curso ► Os rapaces, ademais de gozar do humor escatolóxico, van aprender a facer banda deseñada

Con motivo das vacacións escolares, o MiniDiario vai mudar de cara durante os meses de verán. Así, a partir deste domingo, todos os domingos de xullo e agosto, as súas páxinas, ademais de igualar en tamaño ás do resto do xornal, serán ocupadas polas aventuras de ‘Fiz, o neno máis porco do mundo’, o personaxe creado en 2003 polo debuxante Kiko da Silva. 

"Serán novas historietas de Fiz, que xa publiquei en varias revistas e en formato libro. De feito, en galego do libro lévanse vendido xa catro edicións de 1.500 exemplares", explica o director da Escola Profesional de Banda Deseñada O Garaxe Hermético.

As páxinas do MiniDiario incluirán tamén unha guía de viaxes para os máis pequenos en formato cómic

Xunto a Fiz estarán a súa amiga Puri, as ‘cacas’, "que dentro do mundo de Fiz teñen vida"; o cuarto de baño, "que é co que fala cando ten que ir a darlle de comer e de beber ao váter", e os personaxes imaxinarios de Fiz, os biosbardos, seres "que lle saen do nariz". "É moi asqueroso, pero moi divertido", resume o ilustrador. 

Mais non todo é humor escatolóxico, xa que as historias de Fiz tamén van ter un contido pedagóxico. "É unha banda deseñada que explica como facer banda deseñada. Os rapaces non só van ler unha historieta, senón que van aprender cousas do mundo do cómic", precisa Kiko da Silva. 

Ademais das aventuras de Fiz e tamén da man de Kiko da Silva, as catro páxinas do MiniDiario de verán incluirán unhas historietas chamadas ‘Turisteo’, inéditas en galego. "Están feitas para que os rapaces curioseen con cousas típicas de países, unha especie de guía de viaxes. Imos empezar con Londres", anuncia o ilustrador. Nesa guía tamén estarán Nova York, Santiago de Compostela e mesmo lugares de ficción como Springfield, a cidade dos Simpson, ou o país de Dragon Ball. 

Por último, algunha vez tamén se deixarán ver no MiniDiario Troglo e Dita, dous trogloditas creados por un alumno do Garaxe Hermético que gañou o premio de fin de curso. 

Todas as historietas semanais son autoconclusivas, pero "se as reúnes –conclúe Da Silva– tes dúas guías: unha de viaxes e outra de como facer banda deseñada".

‘'Fiz, o neno máis porco do mundo’', conquista o MiniDiario no verán
Comentarios