Fotografías para rachar con moldes de xénero

Alumnos de Belas Artes reflexionan nunha mostra sobre "a orde sexual imposta"

Unha imaxe da mostra 'Sen Moldes'
photo_camera Unha imaxe da mostra 'Sen Moldes'

Facer unha reflexión sobre os roles de xénero. Foi a proposta que lle fixo a mestra da facultade de Belas Artes Mar Caldas aos seus alumnos da materia Técnicas fotográficas para un exercicio de clase do pasado curso. Co resultado dese traballo de aula compúxose a exposición Sen moldes, que dende onte e durante os próximos días se pode visitar na propia facultade pontevedresa. Caldas e outro mestre, Carlos Tejo, son os comisarios desta mostra, composta por 18 imaxes, que cuestionan "a orde sexual imposta", segundo informaba este xoves o diario dixital da Universidade de Vigo.

Desta maneira, tralo seu paso polos campus de Vigo e Ourense, "Sen moldes, comentarios fotográficos sobre os xéneros", chega a Pontevedra. "A violencia machista, as relacións de dominación, o corpo e a sexualidade ou o xeito de representar a muller son algunhas das cuestións que se tratan nesta mostra". O obxectivo da proposta, como sinala Mar Caldas en palabras recollidas polo Duvi, "é saír dos moldes establecidos e tratar de buscar representacións máis críticas, que contradigan dalgunha maneira a norma".

Unha das imaxes da mostra 'Sen moldes'

IGUALDADE. A proposta, patrocinada pola Unidade de Igualdade da Universidade, é o resultado dun proxecto que buscaba en primeiro termo promover unha reflexión co alumnado, levándoo a crear, con fotografías dixitais e analóxicas, unhas series de imaxes "que tiveran unha coherencia entre elas" e das que posteriormente foron seleccionadas as obras que integran esta exposición, en base "tanto á súa calidade como á idea de tratar diferentes temas", segundo explica a comisaria no Duvi.

O diario universitario informa tamén de que, tralo positiva que resultou a primeira edición de Sen molde, a mestra volverá propoñerlle o mesmo exercicio aos alumnos deste curso coa intención de que saia de aí unha segunda exposición.

"Creo que é importante facer unha reflexión sobre isto", salienta no Duvi Blanca Rossignoli, unha das alumnas participantes na exposición. Lara Castro, Nicolás López ou Anubis Muñoz son outros autores das fotos. "Máis aló das imaxes finais, o proceso de traballo impulsa a reflexionar sobre moitas cousas que non se ven nas imaxes", explicaba este último.