martes. 02.03.2021 |
El tiempo
martes. 02.03.2021
El tiempo

Fran Cortegoso en castelán

O poeta pontevedrés Fran Cortegoso. CHAN DA PÓLVORA
O poeta pontevedrés Fran Cortegoso. CHAN DA PÓLVORA
A editorial do poeta Unai Velasco, Ultramarinos, publica en español a obra do autor de Bora, falecido en 2016 aos 31 anos ►Gonzalo Hermo é o tradutor tanto de 'Memorial y danza', o título que vén de saír do prelo, como de 'Suicidas', que se lanzará máis adiante

O poeta Fran Cortegoso (Bora, Pontevedra, 1985-2016) publicou dous libros en vida: Memorial y danza (Espiral Maior, 2013) e Suicidas (Chan da Pólvora, 2016). Os dous serán editados en castelán polo selo Ultramarinos, que dirixen os tamén poetas Unai Velasco e Andrés Catalán. O autor, filólogo e amigo persoal de Cortegoso Gonzalo Hermo (Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández 2015) é o encargado de facer estas traducións que levan por primeira vez ao español a obra de Cortegoso. O primeiro título vén de saír do prelo. O segundo publicarase máis adiante.

"A iniciativa da tradución partiu de Unai Velasco, que tiña interese na obra de Fran, en levala para a súa editorial", explica Gonzalo Hermo. "Ultramarinos está traballando moito coas linguas do estado que non son o castelán, sobre todo, co catalán e co galego".

O interese de Unai Velasco atopou un cómplice perfecto en Hermo, o tradutor da obra de Cortegoso. "Nun primeiro momento mesmo se barallou publicar os dous libros xuntos, como unha especie de poesía reunida, pero finalmente o editor optou por darlle unha certa independencia a cada un dos títulos e a min pareceume ben que se fixese así". É deste xeito que agora sae Memorial y danza, o conxunto de poemas cos que Fran Cortegoso gañou o Premio de Poesía Pérez Parallé, e máis adiante o libro que saíu publicado o mesmo día do seu falecemento, Suicidas.

Memorial y danza, del poeta pontevedrés Fran Cortegoso"Eu sei que Fran en vida chegou a coñecer os libros de Ultramarinos, a pesar de que a editorial non ten moito tempo, e sei que lle interesaba especialmente o que facía, porque, ademais, é onde publica Chus Pato, que é unha autora que el admiraba e quería moito", conta Gonzalo Hermo sobre a decisión de publicar os libros en Ultramarinos. "Así que me pareceu perfecto. Non había unha casa mellor para levar a súa obra ao castelán".

ROMPER AS ESTREMAS. Para o tradutor, a publicación destas obras noutro idioma ten relevancia. "Supón romper as estremas do contexto galego", indica. "Cada vez hai un maior número de xente, sobre todo a partir dos premios nacionais, que se interesa pola poesía galega. E para saír de Galicia, para ser lido fóra, tes que estar traducido ao castelán. Isto é un feito. Así que o que aquí acontece é que se abre unha porta e penso que esa porta pode conducir a que a poesía de Fran Cortegoso vaia a outras linguas".

Hermo, implicado persoalmente na difusión da obra do autor de Bora, confesa que, á hora de enfrontar esta tradución, tivo que establecer unha distancia emocional co texto. "Iso foi algo básico para poder traballar", di. "A cuestión é que Fran morreu moi novo, pero deixou dous libros fundamentais. Esa circunstancia vital fai que el non poida adicarse en persoa á promoción da súa obra, porque non está vivo. Así que, dalgunha maneira, eu asumín esa responsabilidade, tendo moi en conta quen é a herdeira dos dereitos de autor, que é a súa nai. Pero asumín, xa nos últimos anos da súa vida, este papel. É ademais algo falado con el. Polo tanto, para min, é unha débeda". Iso polo que se refire á parte afectiva. Por outra parte está a obra. "Unha obra que é realmente ambiciosa, boa, perfecta, tremendamente interesante... É un poeta que para min, como tradutor, supuxo un reto e un traballo moi gozoso".

Fran Cortegoso está considerado un dos poetas máis singulares e orixinais da Galicia contemporánea. Faleceu a causa dun cancro o 5 de outubro de 2016. "Se hai un contexto no que Fran non producise unha certa sensación de estrañeza sería en Francia. Só aí, dende logo, porque tanto no contexto da poesía en galego como no contexto da poesía en español, como mesmo se nos imos a un contexto anglófono, a poesía de Fran é orixinal, absolutamente singular. Por iso é dun interese tan grande que sexa traducido, para que poida abrir camiño para outros".

Fran Cortegoso en castelán
Comentarios
ç